O Psdeg-Psoe denuncia a negativa do PP a reclamar melloras para sanidade pública de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Villarino denunciou que a falta de investimento e a precariedade na contratación está a “aumentar a desigualdade” na atención sanitaria e amosou o seu asombro pola falta de compromiso do PP ourensán

Os e as socialistas tamén esixiron a Manuel Baltar reverter o desmantelamento das brigadas provinciais de vías e obras, pero os conservadores e a deputada tránsfuga tampouco apoiaron a iniciativa

Ourense, 31 de marzo de 2023.  O PSdeG-PSOE denuncia a “vergoñenta negativa” do Partido Popular de Manuel Baltar e da deputada tránsfuga, Montse Lama, a reclamar melloras inmediatas e de calado para a sanidade pública da provincia de Ourense e, nomeadamente, para os servizos de atención primaria, esquilmados e con serios problemas tras 14 anos de goberno conservador instalado na Xunta de Galicia.

Os e as socialistas esixiron esixiron no pleno provincial á Deputación e á Xunta, compromisos claros e fondos dabondo para “frear de inmediato o derrubamento controlado” do sistema público de saúde. O voceiro, Rafa Villarino, denunciou que a falta de investimento e a precariedade na contratación, está a “aumentar a desigualdade” na atención sanitaria e amosou o seu asombro pola absoluta falta de compromiso do PP ourensán con este servizo básico moi demandado pola veciñanza, xa que os e as conservadores presentaron unha emenda de substitución repleta de falsidades.

“A Xunta está a levar a cabo unha política de desmantelamento da sanidade”, que pon en perigo o acceso universal, xa que “na tarxeta sanitaria non figura o noso patrimonio”, un logro do Estado do Benestar ao “permitir a construción dunha clase media robusta que non ter que facer fronte a uns gastos médicos inasumibles”, recordou o voceiro.

A iniciativa rexeitada pedía á Xunta a elaboración e aprobación dun plan sanitario específico para a provincia para reverter a preocupante situación da sanidade, suprimindo decisións economicistas que están a precarizar a atención primaria e a colapsar as urxencias hospitalarias pola falta de medios; a pechar unidades de hospitalización ou a desmantelar servizos especializados que acaban sendo tratados noutras provincias.

Igualmente reclamaba unha xerencia de atención primaria na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense, Verín, e O Barco de Valdeorras, con recursos e autonomía para acadar unha administración máis eficiente e adaptada ás peculiaridades dos ambulatorios da provincia.

Tamén esixía a mellora global de recursos, coa incorporación progresiva de profesionais comezando polas especialidades con menor taxa de cobertura e maiores listas de agarda. Así mesmo, PP e tránsfuga negáronse a rematar coa avultada eventualidade dos profesionais contratados abusivamente de maneira descontinua; a garantir por lei un máximo de 48 horas para ser atendido en atención primaria e a convocar todas as prazas vacantes neste nivel.

Desde o PSdeG-PSOE resaltaron que o 25 % dos médicos e médicas ourensáns que están colexiados poderán xubilarse durante o próximos cinco anos, o que pon de manifesto un grave problema, xa que sen persoal suficiente, non haberá servizo. “Na atención primaria ourensá ata 135 poderán xubilarse nun lustro”, advertiron preocupados ante a inacción do PP de Baltar.

Desmantelamento das brigadas provinciais de vías e obras

No pleno, o PSdeG-PSOE tamén reclamou á Deputación de Ourense que non desmantele as brigadas de vías e obras. Concretamente pediron poñer fin a este desmantelamento e a dotalas de recursos económicos, materiais e humanos dabondo, co fin de recuperar o servizo óptimo e de calidade que prestaban aos municipios. Igualmente pediron incrementar substancialmente os fondos públicos destinados ás estradas nos ámbitos da conservación e reparación, así como para obras de nova execución.

Na moción tamén se pedía un novo regulamento, incluíndo aportacións de todos os grupos, que detalle o funcionamento das brigadas baixo criterios técnicos baseados nos principios de equidade, obxectividade, transparencia, asignación eficiente dos recursos, eficacia, control da xestión e avaliación dos resultados, así como pola prestación dun servizo xusto a toda a veciñanza. O texto foi rexeitado cos votos do PP e da deputada tránsfuga, Montse Lama.

O vicevoceiro, Nacho Gómez, manifestou que as brigadas “están practicamente desmanteladas” porque a Manuel Baltar “lle interesa máis outorgar esas obras a empresas” en lugar de usar este “recurso público fundamental para os concellos”. “O PSOE defende que os servizos públicos son máis eficientes e beneficiosos para a veciñanza e para as administracións que os prestados por empresas privadas”, insistiu antes de defender que “é imprescindible dotalas novamente de recursos”, poñendo fin aos “recortes e limitacións” que só buscan permitir o uso deses fondos en beneficio do presidente mediante o caciquil sistema de contratación da Deputación.