No día de onte e a través dunha publicación na que o actual Rexedor daba a coñecer o seu programa electoral, tildaba de mafia á Universidade Popular, feito que para o BNG é dunha enorme gravidade
Ourense, 10 de abril de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense rexistrou esta mañá unha moción para ser debatida no Pleno do venres 14 de abril na que esixirán ao alcalde Jácome a retirada do termo “mafia” vinculado á Universidade Popular e á pedida de desculpas a toda a veciñanza pola súa utilización.
O motivo da mesma é que non día de onte, na publicación feita a través das RRSS na que se daba conta do suposto programa electoral de DO de cara as eleccións do 28 de maio, referíase á Universiade popular como mafia, termo que posteriormente foi borrado.
Desde o BNG lembran que segundo o diccionario, o termo “mafia” ten dous significados. Un primeiro referido a unha sociedade secreta que utiliza toda clase de medios delictivos para conseguir os seus obxectivos e un segundo que a define como grupo criminoso ben organizado.
Para o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, “o feito é de enorme gravidade á par que intolerábel. É inadmisíbel que a máxima autoridade municipal se dixira nestes termos a unha Institución que forma parte do propio Concello de Ourense”.
Segundo Seara, “Jácome non se conforma con desmantelar un dos Programas con máis éxito e mellor organizados do Concello senón que tamén pretende lixar o seu nome, a súa traxectoria e a todas as persoas vencelladas a ela ao longo de máis de 25 anos, algo que, evidentemente e por máis que o intente, non vai conquerir”.
Os nacionalistas lembran que “a Universidade Popular de Ourense non é un capricho duns cantos. As Universidades Populares nacen hai máis de cen anos coa vocación de levar a cultura e o coñecemento a todas as capas da sociedade, cultura para todos e para todas ademais do desenvolvemento cultural, a educación continua, a participación social e a calidade de vida”.
No caso de Ourense, a UPO é un proxecto vivo que pasou no seu día, das 70 actividades formativas e dos 1.800 alumnos e alumnas no ano 2010, aos 140 cursos e 2.625 matrículas no ano 2020.
Luís Seara conclúe afirmando que “temos moi claro que a UPO é un valor para o Concello de Ourense, é unha oportunidade de aprendizaxe e fonte de traballo para as veciñas e veciños e por iso entendemos preciso non soamente aumentar o seu orzamento senón dotala dunha sede fixa na que poder desenvolver todo o seu potencial e aumentar paulatinamente a súa oferta formativa”.