O Concello instalará unha carpa na Praza da Veracruz para que os estudantes mostren os seus experimentos científicos á cidadanía

-As Xornadas pola Ciencia do Carballiño, que se están a desenvolver durante esta semana, contarán esta tarde coa conferencia do cardiólogo Eduardo Barge

O Carballiño, 20 de abril de 2023

AVANTAR ACTIVIDADES

O Concello do Carballiño instalará unha carpa na Praza da Veracruz para que os estudantes dos dous institutos da vila, o Número Un e o Chamoso Lamas, poidan mostrar os seus experimentos á cidadanía nunha Feira Científica. Aínda que nun primeiro momento a iniciativa estaba prevista na Praza Maior, as previsións de chuvia fixeron tomar a decisión de cambiar o emprazamento e a instalación da estrutura. Os interesados en coñecer os seus traballos poderán achegarse ao recinto en horario de 17.30 a 20.30 horas.

Esta será a última actividade das Xornadas pola Ciencia que se están a desenvolver esta semana e que xa contaron coas conferencias da química, investigadora e docente Marga Vázquez González e do físico, investigador e Premio Nacional de Meteoroloxía Miguel García Pérez. Esta tarde, ás 20.00 horas na Casa da Cultura, está prevista a charla do cardiólogo, docente e investigador Eduardo Barge, baixo o título “A investigación no Servicio Galego de Saúde”.