A segunda edición do Ciclo Mestre Mateo regresa a cinco concellos da provincia de Ourense co apoio da Deputación

O programa está composto por longametraxes de ficción, animación e documentais, e inclúe as gañadoras da última edición dos Premios Mestre Mateo, entre as que sobresae “O corpo aberto”, gravada na provincia co apoio do goberno provincial ourensán

A Rúa, Celanova, O Barco, Verín e Cea volven acoller as proxeccións que terán lugar entre os meses de maio e novembro, con entrada gratuíta

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademais de “O corpo aberto”, na programación do ciclo tamén están incluídas “Live is life” e “Valentina”, ambas con selo ourensán

Ourense, 24 de abril de 2023.- O Ciclo Mestre Mateo regresa á provincia de Ourense e levará as proxeccións das longametraxes de ficción, animación e documentais finalistas dos premios do noso audiovisual aos concellos de A Rúa, Celanova, O Barco, Verín e San Cristovo de Cea que xa acolleron con éxito o ciclo na súa primeira edición.

Deste xeito, a colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Ourense achegará o mellor do audiovisual galego recente ao público destas cinco localidades, nunha iniciativa que aposta pola promoción e difusión do noso audiovisual, achegándoo a concellos que non dispoñen dunha oferta cinematográfica estable. A entrada ás proxeccións é gratuíta.

Os concellos participantes exhibirán entre maio e novembro unha programación que inclúe “María Casares, a muller que viviu mil vidas”, “Unicorn Wars” e “O corpo aberto” -película gravada en Ourense co apoio da Deputación de Ourense-, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.

O resto de títulos do programa son o documental “A foreign song” (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; o thriller “Código Emperador” (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga, onde tamén tivo a súa estrea a longametraxe “Live is life” (Dani de la Torre, 2022) -tamén gravada en Ourense co apoio da Deputación-; o documental “No somos nada” (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación “Valentina” (Chelo Loureiro, 2022), película patrocinada pola Deputación de Ourense e gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e o documental “Onde máis doe” (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF – Ourense Film Festival.