A área de migracións do Psoe ourensán informa que os emigrantes retornados, que cobren só pensión alemá, teñen dereito a participar nas próximas eleccións sociais

Luís Gulín sinala que “votar nas eleccións sociais non é obrigatorio, sendo o voto voluntario” e apunta que “a data límite para as eleccións é o 31 de maio, sendo posible emitir o voto desde fóra de Alemaña”

Cada 6 anos, millóns de cidadáns de Alemaña son chamados a votar nas eleccións sociais. Nestas elíxense aos órganos autónomos (parlamentos sociais) dos seguros obrigatorios de saúde, accidentes e pensións (Krankenkasse e Deutsche Rentenversicherung)

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 10 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da secretaría provincial de migracións, informa que os emigrantes retornados, que cobren só pensión alemá, teñen dereito a participar nas próximas eleccións sociais de Alemaña.

Cada seis anos, millóns de cidadáns de Alemaña son chamados a votar nas eleccións sociais, recibindo nos seus domicilios uns sobres de cor vermella. Nestas elíxense aos órganos autónomos (parlamentos sociais) dos seguros obrigatorios de saúde, accidentes e pensións (Krankenkasse e Deutsche Rentenversicherung). “O principio democrático baséase en quen paga, ou pagou, cotizacións, tamén debería poder opinar sobre o futuro da saúde e as pensións”, explica o secretario de migracións da executiva provincial socialista, Luís Gulín Iglesias.

Os parlamentos sociais deciden sobre o orzamento e apoian aos asegurados. A xunta directiva das compañías de seguros de saúde decide en que se gasta o diñeiro que se detrae mensualmente das pensións e nóminas. As persoas con dereito a voto recibirán os seus documentos por correo. Os sobres vermellos conteñen os documentos para votar por correo e unha explicación de como votar en liña. “Isto é posible por primeira vez este ano”, explican dende a área de migracións do PSOE ourensán.

Todos os asegurados maiores de 16 anos que cotizan en TK, Barmer, DAK-Gesundheit, KKH e HKK teñen dereito a voto. Os asegurados en AOK non participan nestas eleccións. Gulín sinala que “votar nas eleccións sociais de 2023 non é obrigatorio, sendo o voto voluntario” e apunta que “a data límite para as eleccións sociais é o 31 de maio, sendo posible emitir o voto desde fóra de Alemaña”.

“Tamén, por primeira vez este ano hai unha proporción de xénero obrigatoria de 60 a 40 por cento para a lista de candidatos”, subliña Luís Gulín, que finaliza afirmando que “as compañías de seguros de saúde deben cumprir con esta cota, todas as demais institucións sociais poden evitalo, pero deben xustificalo”.