O DOG de hoxe publica o procedemento de adxudicación de estancias nas Residencias de Tempo Libre Panxón (Nigrán) e O Carballiño. As familias que queiran gozar do verán nestes centros teñen dende mañá ata o vindeiro 30 de maio para presentar as súas solicitudes.
Poderase realizar unha única solicitude por unidade familiar, na que se indicará a orde de preferencia no desfrute das estadías e en que residencia. Estes deberán dirixirse á Xefatura Territorial de Ourense ou Vigo, segundo o centro residencial elixido. Ademais, as solicitudes poderán realizarse a través da sede electrónica da Xunta.
O Goberno galego dispón este ano de 2.760 prazas para dotar de máis posibilidades ás familias galegas nesta campaña estival, distribuídas do seguinte xeito: 1.320 prazas na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán; e 1440 na Residencia de Tempo Libre do Carballiño. Outra das novidades desta convocatoria é a ampliación das quendas ata finais de setembro, para aquelas familias con fillos maiores ou sen fillos que tamén queiran gozar destas residencias.
Prezos e descontos
Como en convocatorias anteriores, terán acceso prioritario a algunha destas prazas as familias de especial consideración como as numerosas, monoparentais, acolledoras ou vítimas de violencia machista. Ademais, a Xunta adiantou un ano máis a publicación da convocatoria para dar máis marxe ás familias para organizar as súas vacacións de verán.
As familias disporán de servizos de aloxamento e comedor para gozar de todas as comodidades durante a súa estancia mentres poderán aproveitar o tempo vacacional para estreitar os lazos familiares e gozar do tempo de lecer.
O prezo por persoa e día é de 37 euros en réxime de pensión completa, aos que se engaden descontos para nenos (50%) e familias galegas de especial consideración como familias numerosas ou monoparentais, acolledores ou vítimas de violencia machista (30%).