Os e as socialistas critican que o goberno municipal do Partido Popular “é consciente dunha situación que leva anos sucedendo, sen que tomaran cartas no asunto” e esixen “solucións inmediatas”
A candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía, Mariola Iglesias, pregúntase se para o PP “hai veciños de primeira e veciños de segunda?”, xa que tal e como apunta “non é de recibo que un veciño poida desfrutar de luz gratis a través do alumeado público e pagada polo resto da veciñanza”
Vilamarín, 18 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Vilamarín denuncia que un veciño do municipio emprega o alumeado público para a súa vivenda persoal e a súa empresa de forma irregular e a través dun enganche ilegal, de xeito que non abona en ningún momento as pertinentes facturas. Os e as socialistas critican que o goberno municipal do Partido Popular “é consciente dunha situación que leva anos sucedendo, sen que tomaran cartas no asunto”.
Dende o grupo municipal socialista consideran “inconcibible” que en Vilamarín “haxa veciños e veciñas que pagan os seus impostos e facturas de luz, namentres a outros se lles permite engancharse ao alumeado público con total impunidade”. Os e as socialistas explican que no último pleno municipal puxeron en coñecemento do alcalde, Amador Vázquez, e do seu equipo de goberno dita situación e tal e como apuntan “o rexedor recoñeceunos dous días despois que efectivamente esta situación era real”.
Nos últimos días, os e as socialistas de Vilamarín tiveron confirmación oficial por parte de Fenosa que esta situación é verídica, pero tal e como apuntan “informáronnos que non poden cortar a luz, xa que é o Concello o que a está pagando, e polo tanto non poden proceder a realizar dita xestión”. Ante esta situación, dende o PSOE de Vilamarín esíxenlle ao goberno municipal do Partido Popular que “tome cartas xa no asunto e deixe de regalarlle a luz pública a un veciño en concreto”.
A candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Vilamarín, Mariola Iglesias Rodríguez, pregúntase se para o PP de Vilamarín “hai veciños de primeira e veciños de segunda?”, xa que tal e como apunta “non é de recibo que un veciño poida desfrutar de luz gratis a través do alumeado público e pagada por todos e todas os veciños e veciñas de Vilamarín con seus impostos”. A edil socialista destaca que se desprazou ao lugar cun electricista “para comprobar que efectivamente esta persoa estaba empregando un transformador público para obter luz tanto para a súa vivenda, como para o seu negocio”.
Iglesias Rodríguez tamén apunta a que esta situación “non é nova, xa que leva repetíndose ao longo dos últimos anos” e sinala que “cando se procedeu o cambio do alumeado público e a instalación de novos transformadores, deixouse instalado nesta zona un transformados antigo, no que está feita dita trampa”. A edil socialista tamén explica que o contador da electricidade destas propiedades “atópase constantemente en vermello, sinal manifesta de que non está consumindo luz, senón que se aproveita do enganche ao alumeado público”.
As e os socialistas de Vilamarín esíxenlle ao alcalde do Partido Popular que “proceda a solucionar esta situación con carácter de urxencia e que realice unha comprobación exhaustiva para que non haxa máis persoas que se aproveiten dos recursos públicos para subministrar de luz as súas vivendas ou negocios”. Neste senso, Mariola Iglesias subliña que “non pode ser que entre todos e todas teñamos que pagar a luz duns poucos polo capricho, a desidia e o desleixo do grupo de goberno, que prefire mirar para outro lado namentres ocorre esta situación, co único obxectivo de conseguir uns votiños de cara as eleccións municipais”.