Espazo Común convoca unha reunión aberta á veciñanza para buscar solucións ao peche da aula do campo da feira

Será no Salón de Plenos do Concello o vindeiro xoves 19 ás 20:00.

Agardamos contar coa presencia de tódolos afectados (pais e nais, comunidade educativa, colectivos veciñais, asociacións, tódolos partidos políticos do Carballiño…). Entre todos temos que formar unha ampla fronte cidadá de oposición a este peche.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nos últimos días vimos de ter coñecemento de que se está a proibir a posibilidade de que os pais que o desexan poidan matricular aos seus cativos de 3 anos no Colexio Campo da Feira.

Isto é unha evidencia de que, se o pobo non reacciona, o peche desta aula para o vindeiro curso e a cascada de peches subseguintes en anos futuros será xa imparable.

Dado que a Xunta de Galicia semella ter moito apuro para facer efectiva esta medida pola porta de atrás, dende Espazo Común e ante a falla de iniciativas do goberno local, imos convocar unha reunión aberta á cidadanía para buscar os mecanismos axeitados que permitan frear esta nova perda dun servizo básico.

Esta xuntanza será o vindeiro xoves 19 de maio ás 20:00 no Salón de Plenos do Concello do Carballiño.

Calquer veciño ou veciña pode achegarse e participar. De feito, os concelleiros de Espazo Común xa fomos contactando con varias familias afectadas e colectivos de nais e pais. Agardamos nos vindeiros días contactar con outros moitas asociacións e particulares para tentar crear unha ampla fronte cidadá de oposición ao peche da devandita aula. Isto atinxenos a todos.

O Carballiño ten que tomar conciencia do que ten acontecido en moitos outros lugares. Se se pecha unha opción de escolarización, xa non se voltará a abrir. E logo pechará outra, e outra…

Non é un aula, é un símbolo.

Non pechan só unha clase, pechan o noso futuro.