Manuel Baltar: “Os veciños de Celanova deben valorar se estes catro anos de parálise poden cambiarse por catro anos de ambición e dinamismo”
Pablo Pérez: “Celanova necesita un proxecto firme que nos faga volver ser o lugar que nunca debemos deixar de ser”
- O presidente do PPdeG destacou de Pablo Pérez a súa capacidade para defender aquilo no que cre con convicción e a súa valentía por dar un paso adiante que levará ao PP de Celanova á vitoria o próximo 28 de maio

- Amosouse convencido desa vitoria porque o candidato do PP nesta vila sabe como facer as cousas ben e porque aspira a reverter todos estes anos de oportunidades perdida deixando atrás a soberbia e apostando pola colaboración con outras administracións
- Rueda animou a Pablo Pérez a non perder o tempo e acadar unha maioría absoluta gañándose a confianza dos seus veciños e desde a convicción de que o que se faga o 28 de maio será o que marque o futuro de Celanova
- Facendo un chamamento á unidade do voto, o presidente do PPdeG recordou que só Pablo Pérez representa as siglas da súa formación e que, pola contra, votar a partidos independentes é votar aventuras personalistas
- Do mesmo xeito recordou que votar aos candidatos do PSOE é votar a Pedro Sánchez: “Se alguén quere mandarlle a Pedro Sánchez o 28 de maio, o que ten que facer é non votar a ningún candidato socialista”
MANUEL BALTAR: “PABLO PÉREZ ESTÁ PREPARADO PARA GOBERNAR”
- O presidente provincial reivindicou a Pablo Pérez como “un dos activos máis importantes do PP de Ourense”, destacando a súa traxectoria como secretario provincial de Organización e os seus dous mandatos “modélicos” como deputado de Cooperación na Deputación
- “Pablo Pérez coñece perfectamente o traballo do Concello porque leva moito tempo na vida municipal e tamén ten experiencia dabondo en axudar e cooperar con outras administracións, tendo interlocución directa e persoal cos responsables do Goberno autonómico”, remarcou
- Manuel Baltar amosouse convencido de que os veciños saberán valorar o perfil do candidato popular na medida en que deu o paso para liderar o gran equipo do PP de Celanova conformando unha “estupenda” candidatura e “preparada para gobernar a partir do 28 de maio”
- “Nestas eleccións, Celanova debe valorar se estes catro anos de parálise poden cambiarse por catro anos de ambición e dinamismo. Porque con Pablo Pérez e co PP, Celanova situarase de novo onde se merece, como unha das vilas máis importantes da nosa provincia e de Galicia”, sinalou
- O presidente provincial asegurou que a Deputación ten un “máximo compromiso” con Celanova, apelando á necesidade de “proxectos realmente transformadores como xa teñen ben deseñados Pablo Pérez e o seu equipo” para cooperar e avanzar no desenvolvemento desta vila
- Neste sentido, afirmou que o Plan de Mandato 2127 sitúa a Celanova nun lugar preferente, con iniciativas estratéxicas no turismo, a dixitalización, a cultura ou o reforzo das políticas sociais
PABLO PÉREZ: “QUERO DEVOLVER A CELANOVA O ESPAZO QUE MERECE”
- Pérez puxo en valor o “espectacular equipo” que o acompaña: “Este é un equipo formado por persoas dedicadas e apaixonadas, que queren facer do noso concello un lugar aínda máis marabilloso para vivir”
- Avanzou a súa aposta pola dinamización e reactivación de Celanova mediante a implantación dunha peonalización racional acorde aos intereses veciñais e cun plan de dinamización comercial, así como con medidas de apoio que faciliten o emprendemento e axuden ás empresas
- “Estaremos ao carón do sector primario, cunha concellería de Medio Rural e fomentando a creación de polígonos agroforestais e aldeas modelo, ademais de colaborar coas explotacións agrogandeiras do noso concello”, explicou
- Entre outras medidas, tamén destacou a importancia de situar Celanova como “unha referencia da creatividade entre as vilas de toda España” e converter a vella estación de autobuses Casa da Xuventude, potenciar Vilanova dos Infantes, as festas locais e a reactivación das escavacións en Castromao
- “Queremos unha Celanova máis social. Impulsaremos un Plan de Vivenda e daremos prioridade ás políticas familiares e de conciliación. Tamén coidaremos aos nosos maiores, aumentando as prazas asistenciais cunha residencia de nova xeración e apartamentos tutelados”, engadiu
- Pablo Pérez avanzou que porá en valor as dependencias sen uso do Mosteiro de San Salvador: “Non pode ser que este espazo, sinal da nosa identidade, estea desaproveitado. Queremos darlle un uso para todos os celanoveses e que dea valor á nosa vila”
- Do mesmo xeito que prometeu impulsar as escolas deportivas do concello, ademais de crear un complexo deportivo na Pedra da Moa e un parque de xogos acuáticos nas piscinas
- Dentro do programa, o candidato popular tamén destacou a implantación do Plan Sanea –unha rede de saneamento e abastecemento para os núcleos que carecen del– e a humanización do concello, con máis parques infantís, sendas peonís con carril bici, máis zonas verdes e un parque canino