O Carballiño, 21 de maio de 2023.- Arredor de medio centenar de persoas asistiron hoxe ao roteiro desenvolvido no Carballiño a propósito da lectura dramatizada da novela “El Cisne de Vilamorta”, de Emilia Pardo Bazán, nunha adaptación ao galego do historiador Calos Montes, que tamén efectuou unha introduciu sobre os personaxes e lugares da novela, coincidentes con personaxes, prazas e edificios da vida real a finais do século XIX na vila carballiñesa. A lectura correu a cargo do grupo de teatro Dar Trela, e Clara Vázquez foi a narradora, a voz da escritora.
En total, léronse seis episodios, comezando e rematando na Praza dos Irmáns Prieto, tras percorrer a rúa do Paseo, o Casino, a Praza Maior e a fonte do concello. Nestes episodios cobran protagonismo algúns políticos, comerciantes e profesionais carballiñeses daquel tempo do último tercio do século XIX, así como determinadas costumes da vila, como a celebración das Festas do Setembro, e a solta do globo e os fogos de artificio na Praza Maior.
Esta actividade, organizada polo Centro de Estudios Chamoso Lamas en colaboración co concello do Carballiño e Dar Trela Teatro, terá continuidade no futuro coa representación da totalidade da obra, que foi publicada por primeria vez no ano 1885 e que se desenvolve entre a vila do Carballiño, Banga e Cabanelas, lugares nos que a escritora pasou tempadas de verán e algunha que outra vendima.