Esta actuación está enmarcada dentro do proxecto de recuperación integral de toda a contorna da Praza de Abastos nº 1, do Rianxo e do paseo do Barbaña até a súa conexión coa Muiñeira eo Polvorín
Ourense, 22 de maio de 2023. De entre os principais proxectos deseñados e pensados polo BNG para levar a cabo a transformación de Ourense, a recuperación do entorno das Burgas é, segundo o candidato Luís Seara, “o máis ambicioso e importante pois estamos a falar dun enclave chave da cidade a nivel turístico e que tamén o ten que ser desde o punto de vista comercial”.
Para Seara “a recuperación e humanización de toda a contorna da Praza de Abastos xunto coa posta en valor do Rianxo e a reapertura tanto da piscina termal como do Centro de Interpretación, será unha prioridade para nós no vindeiro mandato pois estamos a falar do corazón mesmo da cidade, punto neurálxico desde o punto de vista turístico e porta de entrada á zona histórica”.
Enmarcado dentro do anterior, atópase a construción dun xardín termal no solar no que no seu día se proxectou un hotel balneario, “o mesmo cuxas prospeccións provocaron a seca dun dos caños das Burgas”.
A idea da formación nacionalista pasa pola creación dunha gran zona verde con pozas termais que completen a oferta da zona. Ademais completarase o paseo existente ao carón do río Barbaña até a súa conexión coa Muiñeira e o paseo do Polvorín, “pechando deste xeito o circuíto existente”.
Inxerido dentro do proxecto atópase tamén a recuperación da vella cadea na que os nacionalistas proxectan “un espazo multifuncional con dependencias administrativas, salas de exposicións, de conferencias ou mesmo de ensaio. Non é preciso inventar nada, o mellor exemplo de recuperación exitosa dun edificio similar témolo na vella cadea de Lugo”.