No BNG reiteran o seu compromiso dunha nova exposición pública dun documento que, ao seu entender, debe apostar pola rehabilitación de vivenda, as infraestruturas e os equipamentos e por flexibilizar a construción no ámbito rural
Ourense, 23 de maio de 2023. Dentro do proxecto transformador definido polo BNG de cara o próximo mandato, o PXOM é unha das ferramentas chave. Luís Seara, candidato á alcaldía, reitera unha vez máis a necesidade de “aprobalo canto antes e poder así desenvolver o Concello dos próximos 20 anos e ofrecer seguridade xurídica a todas aquelas persoas ou empresas que decidan investir en Ourense”.
Seara insiste na necesidade “dunha nova exposición pública que permita á veciñanza no seu conxunto coñecer o documento actual e poder facer as achegas e alegacións que considere precisas”.
Pero se algo teñen claro na formación nacionalista é que o novo PXOM “ten que ser un documento que aposte pola sustentabilidade, un documento que aposte pola rehabilitación e non polo consumo de novo solo urbanizable pois o problema de Ourense non é a demanda de vivenda nova xa que temos perto de 17.000 vivendas baleiras e desde logo, un Plan de urbanismo pensado para as maiorías sociais e non á medida dos especuladores como se ten feito até o de agora”.
Pero o candidato Seara non deixa de lado tampouco a situación na que quedan, coa proposta de PXOM actual, as parroquias e núcleos do rural do Concello xa que segundo denuncia, “a práctica totalidade da edificabilidade concéntrase na propia cidade, eliminando as zonas urbanizábeis no perímetro rural, contrinxindo deste xeito o seu espallamento”.
Luis Seara ten claro que, “non se trata de permitir que cada quen constrúa uha casa onde lle pete pero sí de permitilo dentro dos propios núcleos poboacionais xa existente e favorecer así o seu crecemento e o asentamento de poboación”, e engade, “para moitas persoas ter un solar no rural do Concello é ter a posibilidade de que as súas fillas ou fillos se asenten alí ou mesmo significa ter un cheque ao portador no caso de precisalo”.