O ministro Escrivá valora o ingreso mínimo vital, aprobado durante a pandemia polo Psoe, que en ourense conta con arredor de 10.000 beneficiarios

O responsable da carteira de Inclusión, Seguridade Social e Migracións cualificou de positivas as medidas que reforzaron o tecido social, pese a crise xerada pola pandemia, durante un acto no Centro Cultural Ángel Valente

“Nestas eleccións xogámonos moitísimo para que as políticas a nivel municipal acompañen ás políticas que se dirixen para reducir a desigualdade” incidiu nun mitin posterior coa veciñanza do barrio de Santa Teresita

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 24 de maio de 2023. O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, mantivo un encontro con representantes sindicais e de entidades de carácter social, acompañado do aspirante á alcaldía polo PSdeG-PSOE de Ourense, Paco Rodríguez, e outros membros da candidatura.

“Na provincia de Ourense hai 10.000 beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital e máis de 3.000 fogares protexidos por esta axuda”, destacou o ministro no acto acaecido no centro cultural Ángel Valente. E engadiu que estas cifras multiplican por catro ás persoas en risco de exclusión e vulnerables que percibían a Risga, da Xunta, no ano 2019.

“En Galicia proteximos a un total de 847.000 persoas, o que supón un de cada tres habitantes; case 800.000 pensionistas, cuxa pensión revalorizouse un 8,5%; e contabilizamos máis de 80.000 perceptores do IMV, cun incremento do 15%”, expuxo sobre as medidas implementadas polo Executivo estatal, algunhas delas aprobadas durante os peores momentos da pandemia.

En liña co anterior, afirmou que “nestas eleccións xogámonos moitísimo para que as políticas a nivel municipal acompañen ás políticas que se dirixen para reducir a desigualdade” e incidiu en que dende o municipalismo poden solventarse e detectarse problemas dun xeito áxil e eficiente.

Así mesmo, lamentou a “falta de construcción e negatividade” do PP que vota sempre contra os avances e as leis cuxo obxectivo é evitar a exclusión e a desigualdade. Criticou a posición “antipatriota” do Partido Popular con intereses “escuros” que entorpecen as negociacións na Unión Europea de novas iniciativas para mellorar a vida dos. “Non gobernan atendendo á mayoría social”, sostivo.

Advertiu tamén o responsable da carteira da importancia de seguir diminuíndo a fenda de xénero que se reflicte, sobre todo, nas pensións daquelas mulleres que viron reducidos os seus ingresos despois de ter fillos. “A necesidade de acollerse a unha aminoración de xornada laboral sitúaas nunha posición de discriminación”, rematou ante os aplausos do público.

O candidato á alcaldía de Ourense polo PSdeG-PSOE agradeceu ao ministro o esforzo por viaxar ata a cidade, en xeral, e ao barrio de Santa Teresita, en particular, e expresou que espera que a cidadanía lle conceda a súa confianza para poder levar a cabo un cambio de rumbo “urxente e necesario”.