A comarca do Ribeiro acollerá de novo en xuño a gala de entrega de premios do Consello Regulador na súa 12 edición

Concibido como un dos eventos de promoción máis importantes da D.O., celebrarase o día 28 en Santa Cruz de Arrabaldo co lema ‘Un proxecto para as persoas’

No transcurso da cerimonia coñoceranse os viños gañadores da Cata Oficial, e entregaranse os premios ás iniciativas e profesionais destacados do sector

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 5 de xuño de 2023. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que preside Juan Manuel Casares Gándara, volverá nesta ocasión ao seu lugar de orixe, a enocomarca do Ribeiro, para a celebración da XII edición da gala de entrega dos Premios D.O. Ribeiro, que terá lugar o mércores, 28 de xuño, ás 19.00 horas, no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, co lema Un proxecto para as persoas.

Durante a cerimonia, do mesmo xeito que en anos anteriores, entregaranse premios a diferentes iniciativas e profesionais destacados do sector en recoñecemento ao seu labor de difusión, así como aos mellores viños, gañadores da Cata Oficial.

O presidente do C.R.D.O. lembrou que “a gala é un dos eventos máis importantes da nosa estratexia de promoción dos viños da D.O.”, o que motivou que se fixese itinerante hai uns anos, buscando localidades “que por poboación e historia resultasen de interese”. Desta forma, en 2020 e coincidindo coa pandemia, a cerimonia emitiuse desde un estudio virtual en Compostela, para ao ano seguinte e recuperada a presencialidade celebrar o seu décimo aniversario na cidade de Ourense, e continuar o pasado ano na Coruña.

Pero neste 2023 a gala “volve á súa orixe, a enocomarca do Ribeiro”, afirmou Casares, para lembrar que “a promoción fai que se xere negocio, e iso redunda na mellora de vida das persoas”, o que lles levou, precisamente, a elixir como lema deste ano Ribeiro; Un proxecto para as persoas.

“Estamos nunha zona onde se fai un viño de calidade, aprovéitanse os recursos do territorio, a tradición, a historia… e todo iso redunda na economía, pero concibida como ferramenta ao servizo das persoas”, explica Casares, sinalando ademais un dos principais obxectivos que tivo desde que iniciou o seu mandato, “reivindicar a figura do viticultor”.

“O que subxace no Consello Regulador, precisamente, é xerar oportunidades para mellorar a calidade de vida dos viticultores e adegueiros”, di.