“Ese documento é un engano á veciñanza de Viana e de toda a provincia de Ourense e supón unha utilización ilexítima e torticeira do logotipo do PSOE sen consentimento”, advirten
Reclaman a “inmediata retirada” deste “documento falso” e as “aclaracións públicas que sexan necesarias por parte dos responsables da súa elaboración, diffusion e publicidade”
Ourense, 17 de xuño de 2023. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo denuncia a “utilización ilexítima” do logotipo do Partido Socialista nunha publicación, difundida nas redes sociais do BNG e esixe a súa retirada inmediata. Concretamente, desde esta agrupación municipal sinalan que, no perfil de Facebook de Secundino Fernández –candidato dos nacionalistas á alcaldía deste municipio ourensá nas pasadas eleccións de maio– figura, desde este mediodía, un documento cun suposto acordo de goberno local rotatorio entre as dúas formacións políticas, o que é rotundamente falso.
“Ese documento é un engano á veciñanza de Viana e de toda a provincia de Ourense e, ademais, supón unha utilización ilexítima e torticeira do logotipo do PSOE sen consentimento previo algún”, polo que esixen a súa retirada á maior brevidade, así como unha rectificación aclaratoria aos responsables dos feitos”, sinalan desde o PSdeG-PSOE.
Os e as socialistas matizan que ese documento realmente foi unha das propostas que recibiron por parte do Bloque Nacionalista Galego durante os encontros e conversas mantidos nos últimos días para tratar posibles acordos de cara ao pleno de investidura que tivo lugar esta mañá, pero “en ningún caso” foi un “pacto ou alianza” asinado entre as dúas formacións, polo que consideran “totalmente improcedente” e “manifestamente irregular” a inclusión dos sinais identificativos do PSOE no mesmo.
Por iso conclúen reclamando a “inmediata retirada” deste “documento falso” e as “aclaracións públicas que sexan necesarias por parte dos responsables da súa elaboración, difusión e publicidade”, co fin de “ser fieis á realidade e á legalidade”.