Ribadavia acollerá en xullo a edición máis diversa da Mostra Internacional de Teatro

Unha clara aposta pola diversidade e polos valores emerxentes, así se presenta unha MIT que reúne máis de vinte espectáculos e varias actividades escénicas complementarias arredor do lema “memoria, cohesión e innovación”. Querer descubrir as creacións da xente moza do panorama estatal, moitas delas recoñecidas con premios revelación e de novos talentos, ese é o espírito dunha MIT que tamén mira para aquela mocidade de Abrente que con valentía e ilusión afrontou un movemento revolucionario e inaugural para a cultura galega contemporánea.

Moitas vertentes da comedia ou do humor estarán presentes nesta edición da MIT. Pero un humor profundo, intelixente, crítico. Así, o tamén moi popular Teatro del barrio, ofrece un espectáculo entre o documento e a sátira do musical, unha obra que exhibe as pegadas do noso pasado: en xullo de 1977, Antonio González Pacheco, un policía máis coñecido como Billy el Niño, foi condecorado coa medalla de prata ao mérito policial. E o Ministro que tivo a iniciativa, Rodolfo Martín Villa, recoñeceu os servizos prestados polo axente á patria franquista e á Transición, e semellou mesmo atisbar que aquela traxectoria profesional xeraría beneficios á nova democracia. Os que non estiveron nin en pintura naquela homenaxe foron os homes e mulleres aos que torturou Billy el Niño e, por iso, aquí dáselles voz: para que lembren a súa historia e axuden a visibilizar toda a violencia coa que tamén se construíu a Transición. Unha boa peza este Homenaje a Billy el niño para unha MIT que se centra na memoria.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artistas reunidos e procedentes de Italia, Arxentina, Portugal e diversos puntos do Estado, participan nesta decisión de centrar a ollada na memoria, niso que nos constrúe e nos define como pobo, nos valores e condutas. Nese senso, será moi interesante percibir a recepción e reacción do público ante unha obra que con humor, mordacidade e atrevemento escénico aborda o tema da industria da morte, nunha vila, Ribadavia, que tivo unha importante industria de cadaleitos e estivo moi relacionada ao longo da súa historia con este negocio. Os espectáculos serven para espertar eses terreos adormecidos e vehiculalos ao noso presente.

Na escolla e aposta que a Dirección Artística quere destacar para a experiencia desta edición, ademais das creacións emerxentes tamén está o rol do público e o seu protagonismo. Non só falamos de espectáculos onde o público vota e decide o progresión da peza, como no caso do espectáculo If, la ligereza, senón tamén a participación festiva, na celebración da vida e da elocuencia da realidade ou da excitación corporal, como en Fráxil, Handle with care, de Matarile Teatro (en coprodución co Teatro Español e o CDG), que adaptará a súa fusión de expresión visual, sonora, circense, clownesca e filosófica arredor da idea de vulnerabilidade no escenario do Castelo. A MIT, en palabras do seu Director, Roberto Pascual, “quere trasladar esa mensaxe clara da relevancia do público, da integración e convivencia da diversidade de públicos nun ámbito de descubrimento, divertimento festivo e intercambio de ideas e pareceres”.

Na rúa e nos espazos exteriores das parroquias da capital do Ribeiro tamén existe unha programación con pequenas e grandes xoias. Espectáculos de danza (Elahood, o espectáculo sobre o tema das migracións da valenciana Maduixa ou Colectivo Glovo), de novo circo (Kanbahiota ou a moi recoñecida compañía italiana Dúo Kaos coa peza Time to loop, en San Cristovo o día 18 de xullo) ou aqueles máis cercanos á narración oral, coma A parábola do angazo, coa que celebraremos tamén os 35 anos do aniversario da creación da compañía galega Talía Teatro na Franqueirán.

Recupera a MIT as sesións golfas, porque a noite é alegre e expandida nas fin de semana do verán e presta estar ao fresco con espectáculos lúdicos e atractivos, dende o clown ata a comedia musical.

A venda de abonos para todos os espectáculos do Castelo poderá realizarse entre os días 19 e 29 de xuño e xa a partir do 30 de xuño poderanse mercar as entradas soltas de todos os espectáculos na páxina web www.ataquilla.com ou na propia oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo varía entre os 5 e os 10 euros.

A MIT conta co apoio do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, a AGADIC-Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, diversos patrocinadores privados, o propio Concello de Ribadavia. Este ano 2023 recibiu un novo recoñecmento ao seu labor co Premio Rodolfo Prada de Xestión Cultural.

PROGRAMA 39ª MIT RIBADAVIA 2023

15-23 XULLO

PreMIT, previas da MIT

Día 13 // XOVES

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Teatro do Vilar. Apoio ao teatro afeccionado de Ribadavia.

Día 15 // SÁBADO

20:30 Inauguración oficial da MIT 2023. Alameda.

21:00 Entrega do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” ao mérito nas artes escénicas.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Fuck me – Marina Otero e FIBA – Arxentina.

00:30 – Foros MIT. Presentación do Podcast en conversa coa compañía nas Redes Sociais da MIT.

1.00 – Alameda (Ruadavia) – SOLO – Roi Borrallas – Galicia.

Día 16 // DOMINGO

13:00 – Presentación de libros teatrais. Praza de Abastos. Rúa Progreso.

20:00 – A Franqueirán – A parábola do angazo – Talía Teatro  – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).

21:00 – Igrexa da Madalena – Programación expandida – Residencias Paraíso – Brigitte Vasallo  – Cataluña-Galicia.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Mujer en cinta de correr sobre fondo negro – Alessandra García  – Andalucía.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 17 // LUNS

20:30 – Santo André – Alleo – Colectivo Glovo  – Galicia.  (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Aquellas que no deben morir – Las Huecas – Cataluña.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo.Museo Sefardí.

Día 18 // MARTES

10:00-13:00 e 15:00-18:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso de clown con Rui Paixão (Portugal). En colaboración coa Escola Galega de Clowns.

20:30 – San Cristovo – Time to loop – Duo Kaos  – Italia.  (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – If (La ligereza) – Compañía del Sr. Smith – Madrid.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 19 // MÉRCORES

10:00-13:00 e 15:00-18:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso de clown con Rui Paixão (Portugal). En colaboración coa Escola Galega de Clowns.

20:30 – Francelos – Kanbahiota – Volando vengo – Madrid.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Fráxil. Handle with care – Matarile, Teatro Español e CDG  – Galicia.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 20 // XOVES

10:00-14:00 e 16:00-20:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso con Eva Redondo. En colaboración coa AAAG.

20:30 – Alameda (Ruadavia) – Migrare – Maduixa  – Comunidade Valenciana.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – As que limpan – A Panadaría e CDN  – Galicia.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 21 // VENRES

10:00-14:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso con Eva Redondo. En colaboración coa AAAG.

13:00 – Salón de actos da Casa do Concello – Acto de entrega do Premio de Honra da Academia Galega de Teatro a Rosa Álvarez.

19:00 – Museo Etnolóxico – Memoria do teatro galego na Transición. Consello da Cultura Galega.

21:00 – Sampaio – Intempestiva – Elahood  – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Homenaje a Billy el niño – Teatro del Barrio – Madrid.

1:00 – Igrexa da Madalena – Elisa e Marcela (función especial. Casamento de despedida) – A Panadaría – Galicia. (SESIÓN GOLFA)

Día 22 // SÁBADO

13:00 – Animación teatral polas rúas. Os Quinquilláns.

14:00 – Animación teatral polas rúas. Os Quinquilláns.

19:00 – Museo Etnolóxico – Memoria do teatro galego na Transición. Consello da Cultura Galega.

21:00 – Encontro co público. Programa expandido da Residencia Artística da compañía ButacaZero coa MIT e o CDN para o espctáculo IRIBARNE. Club Artístico, Rúa Progreso.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Cucaracha con paisaje de fondo – Mujer en obras  – Madrid.

1:00 – Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura – Lerele – Bala Perdida / Cecilia Vázquez  – Galicia. (SESIÓN GOLFA)

Día 23 // DOMINGO

20:00 –  Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura – Asfixia (Premio Abrente da MIT 2019) – Vórtice Escénico  – Galicia.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Auto do Castromil – PT. Excéntricas – Galicia.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.