Piden que o Goberno municipal que o leve adiante poña orde e control no actual caos vixente “cunha normativa totalmente obsoleta e outra provisional aprobada no anterior mandato, que tumbou a Xustiza”, lembrou a voceira, Natalia González
“É necesario definir un horario que se considere compatible co descanso dos e das ourensás tendo en conta tanto a época do ano, como a súa dilación no tempo”, rematou a tamén secretaria local
Ourense, 18 de xullo de 2022. A voceira do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez, afirmou que o proxecto de veladores debería elaborarse co consenso das forzas políticas pero tamén das entidades económicas e sociais para que a de As Burgas sexa unha cidade para as persoas. Por este motivo, os concelleiros e concelleiras do PSdeG-PSOE presentaron unha batería de alegacións.
Trátase, segundo explicou, dun “proxecto de futuro necesario” que debe poder executarse “debidamente”. “Hai que priorizar que Ourense sexa unha cidade para os seus habitantes, o cal non é incompatible co turismo ou co comercio local. Isto esixe que o Goberno municipal que o leve adiante poña orde e control no actual caos no que vivimos, cunha normativa totalmente obsoleta e outra provisional aprobada no anterior mandato, que tumbou a Xustiza”, lembrou a tamén secretaria local da formación política.
Entre a batería de alegacións atópase a creación dunha Comisión Delegada do Pleno en materia de mobilidade, accesibilidade e utilización do espazo público –co fin de corrixir o criterio de arbitrariedade e discrecionalidade na concesión das licencias–, así como a adecuada e proporcional utilización do mesmo e o futuro control, por parte do Concello, do cumprimento da normativa.
“Tamén propoñemos que se revise a vixencia das autorizacións de veladores e que se redefinan os horarios dos establecementos en aras dunha mellor convivencia veciñal”, destacou a voceira en referencia ás protestas dos e das ourensás que viven no casco vello. En liña con isto, no escrito de alegacións alértase dunha nova inseguridade xurídica ao tempo que se vulnera o dereito veciñal ao descanso. “É necesario definir un horario que se considere compatible co descanso dos e das ourensás tendo en conta tanto a época do ano, como a súa dilación no tempo”, rematou González Benéitez.