O Partido Popular levará dúas mocións ao pleno do Carballiño deste xoves

O Grupo Municipal do Partido Popular de O Carballiño presentou para levar ó vindeiro pleno do día 31 de Agosto dúas mocións nas que se solicita, por un lado un incremento de presencia da Policía Local nas zonas de maior afluencia de xente, zonas de ocio en particular, con efectos disuasorios e en xeral por toda a Vila, medida que se reclama dado o elevado numero de queixas de visitantes, veciños e negocios afectados co fin de atallar episodios de pelexas, incrementos de trapicheos de drogas e situacións de incivismo e insalubridade, que ocasíona que as zonas publicas se convertan en estercoleiros que teñen que padecer os demais cidadáns e negocios colindantes. O Grupo Popular propón incluso que se leven a cabo campañas de sensibilización de civismo e concienciación antidrogas e solicita se incrementen as medidas de limpeza nas zonas mais concorridas ben por medios do concello, ben por colaboración dos negocios implicados.

Por outra banda, o Grupo Popular solicita a mellora da Xestión Deportiva Municipal e integral das instalacións deportivas. Neste caso dende o Grupo Popular solicitan explicacións de por qué as subvencións deportivas a entidades 2022 e 2023 se atopan sen pagar, así como explicacións á concelleira responsable de non acollerse á primeira convocatoria da Xunta de Galicia de subvencións plurianuais para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariables, instando a que se presenten na nova convocatoria Orde do 28 de Xullo pasado.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Grupo Popular solicita que dende a área de deportes se mellore a comunicación coas escolas, asociacións e clubes deportivos en todo o referido a axudas e subvencións tanto municipais como de outras administracións, horarios, accesibilidade das instalacións, etc; asemade solicitamos a mellora da xestión municipal en canto a apertura de instalacións e xestión do persoal da área.

Solicítase dende o Grupo Popular a disposición da “Pista roxa” para o seu desfrute durante todo o ano, con actividades deportivas programadas dende o concello sen que teña lugar a ocupación da mesma con distintas atraccións, especialmente no período estival.

Dende o Grupo Popular, presentouse unha serie de preguntas que consideran de interese ó vindeiro Pleno co fin de que se traslade resposta para o coñecemento de toda a veciñanza.