Preto de 300 deportistas participarán na terceira edición da marcha cicloturista da Ribeira Sacra

Presentación da III Ribeira Sacra Cycling Road.- O deputado de Turismo e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participa na rolda de prensa de presentación da III Ribeira Sacra Cycling Road. Tamén asisiten Cecilio Santalices Mourille (Xefe do servico de.Turismo da Xunta en Ourense), Raul Soto Martínez (Representante do Concello de Nogueira de Ramuín), Sara Ines Vega Núñez (Alcaldesa de Castro Caldelas), José Aquilino Domínez Díaz (Alcalde de Parada de Sil) Serafín Martínez Otero (Organizador da proba), Damián Novoa Rodríguez e Manuel Alonso Rodríguez (Representantes da Garda Civil) , e representantes de Proteción Civil e da Federación Galega de Ciclismo. No Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.
II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Preto de 300 deportistas participarán o vindeiro domingo, 24 de setembro, na terceira edición da marcha cicloturista pola Ribeira Sacra que organiza a Deputación de Ourense, a través do Inorde, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Parador de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín, acto no que participou o presidente do Inorde e deputado provincial de Turismo, Rosendo Fernández; o xefe da área provincial de Turismo en Ourense, Cecilio Santalices; o concelleiro de Deportes de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto; o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; e o director técnico da proba, Serafín Martínez. 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Este evento forma parte da estratexia da institución provincial de “apostar por un ecosistema deportivo que contribúa a promocionar os recursos turísticos do territorio a través do deporte”, así como, nesta ocasión, para “promover o cicloturismo na nosa provincia, xa que presenta unhas condicións idóneas para esta disciplina deportiva”, sinalou o deputado provincial de Turismo, quen destacou o impacto positivo que ten no desenvolvemento económico dos territorios polos que transcorre a proba. 

III Ribeira Sacra Cycling Road 

Nesta terceira edición participarán preto de 300 deportistas procedentes de quince provincias de toda a xeografía española, así como tamén de Portugal, que poderán coñecer un dos lugares máis icónicos da provincia de Ourense xunto ao exciclista profesional vasco Igor Antón que será o padriño oficial da proba. 

A saída será o domingo, 24 de setembro, na localidade de Luintra, en Nogueira de Ramuín, a partir das 9.30 horas, para posteriormente recorrer os territorios de Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas e Montederramo. O día previo á proba, Igor Antón realizará a partir das 17.00 horas unha saída en bicicleta pola contorna con afeccionados ao cicloturismo. 

Os cicloturistas poderán realizar o percorrido de gran fondo de 115 quilómetros e de +2.600 metros de desnivel con subidas que superan o 20% de desnivel; ou o minifondo de 80 quilómetros cun desnivel de +1.700 metros. A “Ribeira Sacra Cycling Road” contará cun tramo cronometrado con circulación libre que incluirá a última subida, e outorgarase un premio especial aos tres primeiros e primeiras de dito tramo que participen no Gran Fondo.