A nova exposición do Museo Etnolóxico de Ribadavia escolle as fachadas de edificios do casco histórico para sensibilizar sobre a diversidade cultural

  • O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración da mostra ‘Somos Afro’, producida polo Museo Nacional de Antropoloxía
  • Instaláronse 27 lonas con retratos do fotógrafo José Luis Simón que xa se poden ver no Club Artístico, a Casa da Cultura, o Solar García Boente ou o propio museo

Ribadavia (Ourense), 20 de setembro de 2023.- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da nova exposición do Museo Etnolóxico de Ribadavia ¡Somos AFRO! que, a través dunha trintena de fotografías de gran tamaño situadas nas fachadas dalgúns emblemáticos edificios do casco urbano, sensibiliza sobre a vida das persoas afrodescendentes residentes en España.

O proxecto, producido polo Museo Nacional de Antropoloxía e promovido polo Museo Etnolóxico de Ribadavia, enmárcase na temporada expositiva que a Xunta de Galicia ten programada para este outono nos seus museos. “Continuamos coa intensa actividade que xa tivemos durante o verán, agora cunha proposta coa que o museo sensibilizará a través da arte da importancia da diversidade cultural, en concreto, do peso que a comunidade afrodescentente ten en España”, indicou.

AVANTAR ACTIVIDADES

¡Somos AFRO! está composta por fotografías de José Luis Simón, que retrata persoas afrodescendentes, adoptadas ou migradas, residentes en España no marco dun proxecto que xurdiu da proclamación do período 2015-2024 como Decenio Internacional para os Afrodescententes pola Asemblea Xeral da ONU. Nel defendeuse a necesidade da cooperación para os plenos dereitos económicos, sociais, culturais, civís e políticos das persoas de ascendencia africana, así como a total participación en todos os aspectos da sociedade.

Ampla programación ata finais de ano

No marco desta iniciativa estanse a desenvolver distintas accións como esta exposición, que se poderá ver nas rúas de Ribadavia ata o 30 de outubro. Son 27 grandes lonas con retratos realizados polo fotógrafo repartidas polo casco urbano de Ribadavia. En concreto, poden verse nas fachadas da Casa Banca Nogueira, Club Artístico, muro dos Tilos en acceso á capela da Virxe do Portal, da Cada da Cultura, da Casa das Asociacións, do propio Museo Etnolóxico e no Solar García Boente.


Anxo M. Lorenzo recordou que esta mostra súmase as que o Museo ten abertas estes meses, como Tecedeiras, con mantas e complementos de téxtil tradicional da colección de Manuel Calviño, a exposición dunha cadeira de barbear feita artesanalmente a imitación das profesionais e Luis R. Brage. Unha vida en movemento, a mostra sobre a biografía musical deste persoeiro, cunha vida itinerante que permite acceder á sonoridade de Galicia. A elas sumaranse dúas novas exposicións que completarán a programación deste ano.