
A Xunta de Goberno da Deputación Provincial, na súa reunión ordinaria semanal, aprobou un total de 480.863,43 euros en axudas para diversos municipios da provincia destinadas a obras e melloras en diferentes infraestruturas e servizos.
Así, o Concello de Allariz percibirá 45.000 euros para cambio de luminarias a led en espazos públicos exteriores; Boborás terá 48.000 euros para a execución da obra de humanización, na súa fase II, en Xurenzás; o Concello de Cortegada recibirá 12.000 euros para a execución de obras de eficiencia enerxética; ao Concello de Lobios concedéuselle unha axuda de 48.000 euros para executar melloras en vías municipais; en A Merca a axuda será de 47.984,89 euros para as obras de acondicionamento de acceso á estrada OU-540, en Parderrubias; en Paderne de Allariz a achega será de 48.000 euros para a obra de rede de sumidoiros e beirarrúa peonil en San Lorenzo; para a instalación dun ascensor e climatización na Casa do Concello de Pereiro de Aguiar será unha axuda de 30.000 euros; e San Xoán de Río percibirá 48.000 euros para executar a obra de saneamento no núcleo de Outeiro.
Polo trámite de urxencia, aprobáronse tamén senllas subvencións para Piñor (70.000 euros para a creación dun Museo Municipal) e Chandrexa de Queixa (17.545 euros para gastos de investimentos agrupación servizo Chandrexa-Manzaneda).
Na mesma sesión, aprobouse unha modificación na cuantía dunha obra do Plan provincial de cooperación 20202, relativa á mellora no sistema de depuración en As Cortiñas e Ramirás, pasando de 54.999,99 euros a 66.333,54 euros, incremento con cargo aos orzamentos municipais do municipio de Castrelo de Miño.
No tocante a outras axudas, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou unha achega de 70.000 euros para a Federación Galega de Fútbol, destinada á Copa de Fútbol 2023. No eido cultural, a Real Academia Galega percirá unha subvención de 25.000 euros para gastos de funcionamento da entidade.