Carmen Dacosta alerta do risco de perpetuar o modelo “fracasado” de brigadas sen medios nin recursos
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2023. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, lamentou hoxe o “empecinamento” do PP en contra dun modelo de extinción de incendios e garantir un sistema “único, profesional, formado e equipado”. Así o dixo logo de coñecer o rexeitamento do PP a unha iniciativa presentada polo Grupo Socialista na Comisión de Agricultura para actualizar o modelo “fracasado” de extinción de incendios.
A responsable socialista reclamou un modelo profesionalizado e “axustado á realidade” que dependa de forma directa da Consellería de Medio Rural, que é quen dispón das competencias e polo tanto da responsabilidade política, e é que debe garantir o orzamento necesario para afrontar unha tarefa vital para Galicia.
Alertou de que o modelo actual resulta inviable, por canto o goberno galego descarga sobre os concellos a responsabilidade de constituír as brigadas municipais sen ter os medios nin os recursos mínimos necesarios, ofrecendo contratos precarios, temporais e no mellor dos casos xa en plena temporada de alto risco de incendios.
A falla de formación e as deplorables condicións laborais para este traballo fai que moitos concellos nin sequera poidan constituír as brigadas municipais, ao non atopar ao persoal necesario. Responsabilizou ao goberno galego das deficiencias estruturais, a falla de formación e as precarias condicións laborais, con dúas terceiras partes do persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais con contratos temporais inestables.
A conclusión, sinala Rodríguez Dacosta, é que entre 2016 e 2023 se constituíron 112 brigadas menos, das 263 de hai 7 anos ás apenas 151 deste mesmo ano, cando mesmo 78 concellos gobernados polo PP non foron quen de constituír estes dispositivos.
Criticou que o “desinterese” do goberno galego está a poñer en risco ao monte galego, cunha “carga de combustible brutal que só espera ás condicións óptimas para que se desencadee o desastre”. Por iso reclamou a muda a un modelo profesionalizado, e a ofrecer mentres tanto o convenio ás entidades locais só para labores preventivas e cunha duración mínima de 6 meses.