O grupo socialista considera “lamentable e moi triste” que o pp rexeite facer un plan de erradicación da pobreza infantil con especial atención ás familias monomarentais
Marina Ortega alerta do incremento da pobreza infantil e das mulleres en Galicia e esixe un pronunciamento explícito do PP contra a denegación de bolsas de comedor para nais solteiras en Madrid
Santiago de Compostela, 05 de outubro de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, cualificou hoxe de “lamentable e moi triste” o voto en contra do PP á proposta do PSdeG para pedirlle á Xunta un Plan de Erradicación da Pobreza Infantil e para despregar un paraugas social dirixido ás familias monomarentais. Ortega presentou esta proposición non de Lei na Comisión de Política Social que se celebrou hoxe no Parlamento.
Ortega denunciou que a Xunta leva dous anos incumprindo a súa propia Lei de impulso demográfico, que require dun Plan de apoio ás familias monoparentais para mellorar a atención e a cobertura social das súas necesidades. Reclamou así un paquete de accións específico para a poboación infantoxuvenil, atendendo especialmente ás familias encabezadas por mulleres que están a criar aos seus fillos en soidade.
A responsable socialista alertou do incremento da pobreza infantil e das mulleres, de acordo cos datos da Rede Europea contra a Pobreza -EAPN-. Mentres o nivel de pobreza descendeu en Galicia en termos xerais entre os anos 2020 e 2021, esta cifra agocha o incremento do risco de pobreza infantil e xuvenil, que pasou do 31,1 ao 34 por cento, moi por riba da taxa dos adultos, fixada no 25,4 por cento grazas ao Ingreso Mínimo Vital e á tarxeta básicas que a Xunta ten suprimido.
Ademais, a taxa de pobreza severa rexistrou un ascenso “moi significativo e preocupante” entre as mulleres, do 8,7 ao 9 por cento, malia que a nivel global pasou do 9,4 ao 8,8, debido ao descenso da súa incidencia entre os homes -do 10,2 ao 8,6-. Ademais, estes datos revelan a existencia de novos perfís de risco de pobreza, que afecta a persoas con estudos ou mesmo con traballo.
Queima de Bruxas en Madrid
Marina Ortega esixiulle hoxe ao PP que emitan unha condena explícita contra a medida da Comunidade de Madrid de denegarlle a bolsa de comedor ás nais solteiras por non constar o pai no Libro de Familia. A responsable socialista cualificou esta medida de “aberración” que supón, engadiu, a “volta á queima de bruxas da Inquisición” ademais de ser discriminatoria contra as mulleres que teñen que coidar aos seus fillos e fillas en soidade.
A responsable socialista advertiu que a denegación das bolsas de comedor polo simple feito de ser nais solteiras “non está dentro dos dereitos humanos que defendemos os partidos dentro da Constitución”.