Planificación e negociación: as dúas claves principais nas que o Goberno provincial basea a política de recursos humanos no presente mandado 2023-2027

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Deputación constitúe a Mesa Xeral de Negociación para os vindeiros catro anos, nos que estarán como representantes do goberno provincial o presidente, Luis Menor; a vicepresidenta primeira, Marta Nóvoa; e os deputados José María Lago e Rosendo Fernández 

Os grandes obxectivos de mellora que se fixaron son: planificación estratéxica, coa creación dunha nova RPT en 2025; negociación colectiva, cun novo convenio colectivo; e condicións laborais dos 734 empregados públicos da institución 

O presidente provincial sinala que as claves deste proceso serán “o diálogo e a colaboración”. Agradecido á parte sindical pola postura favorable expresada á práctica totalidade da proposta, Luis Menor cre que de alcanzarse os resultados esperados “imos conseguir un gran avance nas condicións laborais e, como resultado, na prestación dos servizos da Deputación” 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ourense, 6 de outubro de 2023.- A Deputación de Ourense vén de constituir a Mesa Xeral de Negociación para o presente mandato 2023-2024, na que estarán integrados como representantes do goberno provincial o presidente, Luis Menor (que exercerá, á súa vez, a Presidencia da Mesa Xeral de Negociación); a vicepresidenta primeira, Marta Nóvoa; así como os deputados José María Lago e Rosendo Fernández. 

Precisamente, na reunión constitutiva, o presidente provincial fixo fincapé en que “para alcanzar os obxectivos de modernización e mellora da calidade dos servizos públicos que presta a Deputación, é precisa unha axeitada xestión do principal activo co que conta a Administración: o seu capital humano”. Luis Menor sinalou tamén que as claves deste proceso serán “o diálogo e a colaboración”, amosando tamén o seu agradecemento á parte sindical pola postura favorable á práctica totalidade da proposta do goberno provincial. 

O presidente provincial centrou na planificación e a negociación as dúas claves nas que o goberno provincial basea a súa política de recursos humanos para o presente mandato. Neste senso, Luis Menor marcou como obxectivos marcados: a mellora da planificación estratéxica, onde serán fundamentais a Relación de Postos de Traballo (RPT), o Plan de Ordenación de Recursos Humanos e as Ofertas de Emprego Público; a mellora da negociación colectiva, procurando sempre chegar a acordos no marco da mesa xeral de negociación; a mellora dos sistemas de control de presenza, conciliación laboral e familiar, e o teletraballo; e a mellora das condicións laborais dos empregados públicos provinciais, con especial incidencia en aspectos como a seguridade e saúde no traballo, a formación continua, o sistema de carreira profesional, os beneficios sociais e as políticas de igualdade. 

Pola súa banda, a vicepresidenta primeira, Marta Nóvoa, analizou os datos actuais da plantilla provincial, que conta cun total de 734 efectivos e abundou nas melloras na planificación estratéxica. Así, avanzou que un dos principais obxectivos marcados é contar cunha nova RPT no ano 2025, totalmente actualizada e adaptada aos cambios lexislativos. Previamente, tamén está prevista unha modificación puntual da actual RPT no vindeiro ano coa fin de corrixir desaxustes. Outros obxectivos marcados son a elaboración dun novo Plan de Ordenación de Recursos Humanos; continuar coa tramitación das convocatorias da OEP 2021 e 2022, así como a probar a Oferta de Emprego Público de 2023; impulsar as bolsas e listas previas de contratación; convocatorias dos procedementos de provisión de postos de traballo (concurso ordinario e específico); a e creación do rexistro de persoal da Deputación. 

No que atinxe á mellora das condicións laborais dos empregados públicos provinciais, Marta Nóvoa explicou que se incidirá con especial énfase nas condicións de seguridade e saúde no traballo, poñendo a andar o Comité de Seguridade e Saúde do presente mandato; en negociar no seo da Mesa Xeral de Negociación un sistema de carreira profesional para os empregados provinciais, así como iniciar os estudios precisos para aplicar a avaliación de desempeño; continuar mellorando os beneficios sociais dos traballadores; reforzar todos os mecanismos relativos á formación continua; e, por último, dimensionar as políticas de igualdade, constituíndo para elo o Comité de Seguimento do II Plan de Igualdade da Deputación e establecer un cronograma de actuacións para darlle cumprimento ao devandito plan. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------