O grupo provincial socialista reclama á Xunta de Galicia a “execución completa e integral” do acceso á área industrial de San Cibrao desde a autovía das Rías Baixas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“A actuación incompleta non rematou coa marxinación histórica do Polígono de San Cibrao que, porén de ser a maior área industrial de Galicia, carece dunha vía de alta capacidade que acceda directamente aos seus 4 millóns de metros cadrados de superficie desde a autovía das Rías Baixas”, sostén o voceiro provincial socialista, Álvaro Vila

“Ao contrario do que ocorre noutras latitudes galegas, que reciben un trato de favor por parte desta Xunta do PP, as áreas industriais e empresariais de San Cibrao, cos seus arredor 10.000 traballadores, seguen sen unha vía de acceso de alta capacidade medio século despois da súa inauguración”, sentenza Vila

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ourense, 17 de outubro de 2023. O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense insta á Xunta de Galicia á “execución completa e integral” dos tramos que restan na denominada Ronda Leste A52-A76 para mellorar a conexión entre o Polígono Industrial de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico coa autovía das Rías Baixas. “O que se fixo foi unha falsa conexión entre os polígonos e a autovía, que non supuxo melloras cuantitativas nin cualitativas na competitividade das empresas e a mobilidade dos empregados e visitantes da área industrial”, xustifica Álvaro Vila, voceiro provincial socialista. Segundo Vila, “esta actuación incompleta non rematou coa marxinación histórica do Polígono de San Cibrao que, porén de ser a maior área industrial de Galicia e unha das principais de España, segue a carecer dunha vía de alta capacidade que acceda directamente ata aos seus 4 millóns de metros cadrados de superficie desde a autovía das Rías Baixas”.

O trazado da vía comeza no enlace de Rante, que une a A-52 e a AG-31, se ben remata abruptamente na estrada N-525, a uns dous quilómetros da entrada ao polígono industrial de San Cibrao. “Diante de tal esperpento, recollemos as numerosas queixas de empresas, transportistas e traballadores que reivindican unha conexión directa coa área industrial que permita reducir os tempos de viaxe, facilite as conexións e reduza a conxestión de vehículos”, sostén Álvaro Vila, quen tamén é alcalde de Taboadela, un dos concellos directamente afectados. Os traballos non conformaron un acceso directo como tal entre a A-52 e o polígono, nin serviron para mellorar a mobilidade dos miles de traballadores que a cotío se desprazan entre Ourense capital e o norte da provincia e a área industrial. “Así as cousas, xa é tempo de reclamar da Xunta de Galicia unha conexión real, a través dunha vía de alta capacidade que conecte o polígono industrial de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico coa A-52 e a AG-31”, salienta o voceiro socialista.

Agravio comparativo con Ourense

Para o Grupo Provincial Socialista o desleixo do proxecto da Ronda Leste A52-A76 representa “un novo exemplo de desidia da Xunta de Galicia en Ourense”, representando un “agravio comparativo” con respecto a outras partes do territorio. A modo de exemplo, os socialistas evocan a autovía de acceso ao polígono do novo porto exterior da Coruña, onde apenas hai empresas instaladas, pero que se atopa en servizo con sección de autovía conectada coa A-6 desde o ano 2016, nun momento no que a dársena se atopaba aínda en obras e cun investimento global duns 80 millóns de euros. O vieiro en uso en San Cibrao forma parte do “plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia”, aprobado polo goberno autonómico en 2013, con Alberto Núñez Feijóo como presidente. O plan prevía unhas 40 actuacións sobre 135 quilómetros de estradas para “mellorar a mobilidade” e “desprazarse con seguridade, rapidez e comodidade”.

Entre as actuacións contempladas polo “plan sectorial da rede viaria en Ourense” figura a chamada Ronda Leste A52-A76 formada por tres tramos, non estando en funcionamento a día de hoxe máis que primeiro destes. Os tramos restantes, que son os que circunvalan o Polígono de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico de Galicia creando novos e necesarios accesos a estas áreas centrais no desenvolvemento económico da nosa provincia, están parados, non sabendo cando se retoman as obras. Para o voceiro socialista, “esta infraestrutura vital para Ourense e que depende enteiramente da Xunta de Galicia atópase incompleta e non presta o servizo necesario para unha operatividade óptima”. “Ao contrario do que ocorre en noutras latitudes galegas, que reciben un trato de favor por parte desta Xunta do PP, as áreas industriais e empresariais de San Cibrao, cos seus arredor 10.000 traballadores, seguen sen unha vía de acceso de alta capacidade medio século despois da súa inauguración”, sentenza Vila.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------