Luis Menor agradece aos voluntarios de Protección Civil “a súa entrega xenerosa a prol da seguridade da veciñanza, todo un exemplo para a nosa sociedade”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente provincial asistiu á VII Xornada de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, que se desenvolveu na Ribeira Sacra e que reuniu a preto de 500 persoas pertencentes a 70 agrupacións de Galicia e representantes doutros puntos de España 

Luis Menor ratificou o apoio constante da institución provincial ao seu labor, “nunha provincia convertida na primeira de Galicia en completar o seu mapa de emerxencias” 

Nogueira de Ramuín, 21 de outubro de 2023.-O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta mañá na sesión inaugural das VII Xornadas de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, que hoxe desenvólvense na Ribeira Sacra e no concello de Pereiro de Aguiar reunindo a medio milleiro de persoas pertencentes a 70 agrupacións de Galicia e con representación doutros puntos de España.  

A apertura das xornadas tivo lugar no mosteiro de Santo Estevo, onde tamén se deron cita o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva; o delegado do Goberno galego en Ourense, Gabriel Alén; e o presidente da asociación provincial de Agrupacións de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez. 

Nunha intervención moi persoal, Luis Menor rememorou a súa etapa como director xeral de Emerxencias de Galicia e puxo en valor “a entrega xenerosa dos voluntarios e voluntarias a prol da seguridade da veciñanza, todo un exemplo para a nosa sociedade”. Ademais, o presidente provincial ratificou o apoio constante da institución provincial ao labor das agrupacións, lembrando que Ourense “é a primeira provincia de Galicia en completar o seu mapa de emerxencias”.  

A organización desta xornada pretende recoñecer o labor dun colectivo, o voluntariado de Protección Civil, formado por preto de 4.500 voluntarios pertencentes a 235 agrupacións en toda Galicia. Este colectivo colabora durante todo o ano, de forma altruísta e desinteresada, en todo tipo de emerxencias e operativos velando pola seguridade das persoas. 

Cun marcado carácter lúdico, a Xornada de Convivencia dispuxo dun programa no que os voluntarios e voluntarias de protección civil, ademais de participar en diversos talleres prácticos relacionados co mundo das emerxencias, puideron desfrutar dos encantos dunha das xoias da provincia ourensá, A Ribeira Sacra.  

O día completouse cun acto de recoñecemento ao labor feito polas voluntarias e voluntarios o longo da súa traxectoria e actividade en Protección Civil, mediante a entrega de medallas e condecoracións. Este acto tivo lugar durante o xantar de confraternidade celebrado en Pereiro de Aguiar, que serviu como clausura das xornadas e ao que tamén asistiu o presidente provincial.