O Concello de Boborás celebra a primeira xuntanza da mesa de coordinación intersectorial en materia de saúde

Trala aprobación en pleno o pasado 28 de setembro da adhesión á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde, o concello de Boborás ven de constituír este unha mesa de traballo na que ademais de representantes do concello, participan representantes do centro de saúde, farmacia local, centros de día, residencia de persoas maiores, colexio, punto de atención a infancia, protección civil e servizos sociais, coa finalidade de propor actuacións a realizar en función das problemáticas detectadas.

A incorporación do Concello de Boborás á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde, xunto ca inclusión na Rede Española de Cidades Saudables, promovida polo Ministerio de Sanidade en colaboración coa FEMP, contribuirá á posta en marcha de actuacións para mellorar a saúde e a prevención de enfermidades entre a súa poboación, ademais de situar ao concello de Boborás nunha rede nacional con gran experiencia en proxectos similares.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na primeira fase desta estratexia, as actuacións consistirán en compartir información entre os distintos servizos para facilitar a participación en actividades,  ofrecer recomendacións á cidadanía sobre como facer que os seus estilos de vida sexan máis saudables, e elaborar un mapa cos recursos dispoñibles no territorio para promover estes hábitos.

Estas accións focalizaranse na poboación de maior idade, incidindo no problema da soedade, sen descoidar a promoción da alimentación saudable e da xestión emocional entre os nenos e nenas do centro educativo.