O Psdeg-Psoe de Ourense “valora positivamente” o plan de financiamento da Deputación aos concellos, aínda que consideran que hai “moita marxe de mellora”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“O borrador facilitado carece dalgúns dos puntos que nós consideramos fundamentais para unha meirande xustiza distributiva entre concellos e unha auténtica autonomía dos mesmos, empezando polo limitado dos recursos que se consenten”, estima o voceiro socialista, Álvaro Vila

“Somos conscientes de que este plan de financiamento implica un cambio importante con respecto á situación precedente, e de aí a nosa comprensión e vontade de colaboración, pero aínda hai marxe de mellora e esperamos poder chegar a un acordo a vindeira semana”, conclúe Vila

Ourense, 31 de outubro de 2023. O grupo provincial do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense “valora positivamente” a proposta de modelo de financiamento para os concellos sobre a base de criterios obxectivos, se ben considera “insuficientes os recursos” destinados a tal fin e espera a prosecución das negociacións para achegar unha proposición máis acaída coa realidade dos municipios da provincia. “En realidade, o que fai o borrador que o presidente Luís Menor compartiu hoxe connosco nunha xunta extraordinaria de portavoces da Deputación é recoller as grandes liñas da nosa proposta, que entregamos xusto despois do verán, tras comprometernos coa adopción dun Plan Único antes de rematar o ano, contemplando unha parte fixa de financiación e unha variable, en función do número de habitantes, os núcleos de poboación, a superficie e o índice de envellecemento”, explica Álvaro Vila, portavoz do grupo provincial socialista.

“Non obstante, engade Vila, a versión facilitada por presidencia carece dalgúns dos puntos que nós consideramos fundamentais para unha meirande xustiza distributiva entre concellos e unha auténtica autonomía dos mesmos, empezando polo limitado dos recursos que se consenten”. Os 13,9 millóns de euros que propón o borrador de presidencia distan dos algo máis de 20 millóns que contempla a proposta socialista que, á luz dos plans de financiamento que xa rexen nas outras provincias galegas, avoga por destinar un 22% do total dos orzamentos da Deputación de Ourense para os concellos. “Malia que se di que este monto vaise incrementar progresivamente até chegar a un tope, aínda estamos lonxe do que fai falta para aspirar a unha real autonomía dos municipios para planificar e implementar políticas a prol da veciñanza, como xa ocorre nos resto de provincias galegas”, explica o voceiro socialista. Segundo este, “as aportacións teñen que ser consecuentes co orzamento global da provincia”.

Diálogo sui generis

“Valoramos positivamente o borrador presentado pola presidencia da institución e somos conscientes de que este implica un cambio importante con respecto á situación precedente, e de aí a nosa comprensión e vontade colaboración, pero aínda hai marxe de mellora e esperamos poder chegar a un acordo a vindeira semana”, engade Vila. Doutra banda, os socialistas non entenden a afirmación do presidente de que o cambio no modo de financiamento é un “empeño persoal”, habida conta que é unha “esixencia histórica” do PSdeG-PSOE, que ven de longo e coa que o partido da rosa na provincia está fortemente comprometido desde o inicio desta lexislatura, traballando os seus equipos mesmo durante o verán “para requintar unha proposta acaída coa realidade da provincia”, explica Vila. Para o voceiro socialista, “é unha reivindicación que enarboramos desde hai moitos anos, que estimamos xusta e non é reducible á soa vontade do presidente”.

Nesta liña, os socialistas ven unha certa contradición entre o “diálogo” e a “procura de achegas construtivas” evocadas por Menor e a deriva seguida pola presidencia durante as últimas horas. “Despois de presentar as nosas propostas hai xa moitas semanas, esta mañá fomos convocados para coñecer o borrador de plan de financiamento do PP, que entendemos coma un traballo en curso, cuxos contornos esperamos poder concretar durante os próximos días”, explica Vila. “Porén, engade este, inmediatamente despois de terminar a xunta de portavoces, o presidente dedicouse a presentar aos medios e aos concellos da provincia o plan de financiamento coma un feito consumado, non coma unha iniciativa aínda en construción, á espera de integrar as achegas e melloras dos partidos de oposición, coma resultado dun auténtico diálogo”, sentenza Vila.