Espazo Común pedirá explicacións polo pago de 149 horas extras nun mes a un traballador municipal

A formación de Espazo Común pedirá explicacións ao alcalde do Carballiño polo pago de 149 horas extras a un traballador municipal nun mes, cando afirman que a lei solo permite un máximo de 80 anuais. A argumentación da súa petición é a seguinte:

“A errática política de persoal do goberno do alcalde Fumega acada un novo fito. Nos decretos de alcaldía do pasado mes de setembro poidemos comprobar coma se batiu un novo récord no referente ás horas extras percibidas por un empregado municipal.

AVANTAR ACTIVIDADES

2.896.86 € extraordinarios percibiu un funcionario despois de que o alcalde asinara o recoñecemento da realización de 149 horas extras, é dicir, a maiores da súa xornada ordinaria e do seu salario habitual.

Cómpre lembrar que a lei marca un tope de 80 horas extras anuais para un traballador público, o cal explica porque resulta tan chamativa esta circunstancia.

É bastante habitual que perciban importes pola realización de turnos a maiores do seu horario membros da Policía Local ou do Grupo Municipal de Emerxencias, algo que se pode chegar a entender pola súa condición de membros de servizos esenciais que teñen que ser mobilizados por diversas circunstancias.

Sen embargo, neste caso concreto, falamos dun traballador de oficinas, polo que dende Espazo Común dirixiremos un escrito ao señor alcalde para demandar explicacións ao respecto deste feito, cando menos, sorprendente.

Queremos pensar que a súa pública e coñecida vinculación co PSOE e a súa participación activa na campaña das últimas eleccións municipais non teñen nada que ver pero pediremos ver os xustificantes de ditas xornadas de traballo e o informe do responsable do servizo e do concelleiro que teñen que acompañar a esta proposta ademáis do correspondente informe do interventor municipal”.