O Psdeg de Vilardevós afirma que a subida de impostos aprobada en pleno vén motivada pola “herdanza” do PP debido a súa “nefasta xestión” ao fronte do concello

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

As socialistas consideran que “a pesar de ser unha medida impopular, vémonos na obriga de levala a cabo, xa que os últimos 12 anos de goberno do PP provocaron un déficit económico ás arcas municipais”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Eva Pérez Gamote, critica o “cinismo” da voceira do Partido Popular, Adriana Álvarez e lémbralle que á chegada das socialistas ao goberno municipal “atopámonos con facturas de mais de medio millón de euros pendentes, provocando un déficit económico moi grave para a economía municipal”

Vilardevós, 14 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Vilardevós afirma que a subida do imposto do IBI, aprobada en sesión plenaria extraordinaria, vén motivada pola “herdanza” que o actual goberno municipal se atopou nas arcas municipais debido a “nefasta” xestión do Partido Popular. As e os socialistas consideran que “a pesar de ser unha medida impopular, vémonos na obriga de levala a cabo, xa que os últimos 12 anos de goberno do PP provocaron un déficit económico gravísimo ás arcas municipais”.

No pleno extraordinario celebrado esta semana aprobouse a subida das ordenanzas do IBI e o lixo. No caso da subida da taxa de recollida do lixo vén motivada “pola imposibilidade de ter un servizo deficitario”, apuntan os e as socialistas, que tamén subliñan que no caso do IBI a subida “é mínima, xa que a diferenza doutros concellos, gobernados polo PP, a taxa pasa dun 0,4 a un 0,45, cando noutros casos están pagando un 0,5 e incluso un 0,6”. Neste senso tamén apuntan que trala investidura do mes de xuño “atopámonos con facturas sen pagar polo anterior equipo de goberno, que ascendían a medio millón de euros, polo que nos vimos na obriga de aprobar unha modificación extraxudicial de crédito para poder pagar ditas facturas”.

A alcaldesa de Vilardevós, a socialista, Eva Pérez Gamote, critica o “cinismo” da voceira do Partido Popular, Adriana Álvarez, despois de que no pleno acusase aos e as socialistas de “subir os impostos con premeditación e aleivosía para empregalos manipulativamente para as súas campañas electorais”. A rexedora considera que este comentario “está totalmente fóra de lugar, debido a que precisamente neste pleno se leva como punto do día unha modificación extraxudicial de crédito para poder darlle valor legal ás facturas, que precisamente como recoñece a portavoz do PP quedaran sen pagar nas datas próximas da campaña electoral”.

Pérez Gamote lémbralle a voceira popular que ao longo dos últimos meses “xa dixen publicamente nas miñas visitas aos núcleos de poboación que nos tocaba subir os impostos, debido as cargas herdadas pola nefasta xestión do PP ao fronte do concello”. A alcaldesa tamén se pregunta “como nos poden acusar ao PSOE, que acabamos de chegar ao goberno municipal e estamos dándolle legalidade as contas, de que con aleivosía subimos os impostos para utilizalos en campaña”.

Perplexidade ante as críticas do PP ao soldo da alcaldesa

Dende o PSdeG-PSOE de Vilardevós tamén amosan a súa “perplexidade” ante as declaracións da voceira do PP, Adriana Álvarez, quen criticou publicamente o soldo da alcaldesa, elixida democraticamente. Os e as socialistas acusan a líder dos populares de Vilardevós de “tratar de desviar a atención con este asunto, co obxectivo de tapar o seu recente nomeamento a dedo como administrativa do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Ourense”.

Neste senso, as socialistas de Vilardevós apuntan que “namentres a alcaldesa cobra un soldo público para traballar polos intereses de Vilardevós, a voceira do PP foi colocada a dedo nun posto de confianza, co único fin de outorgarlle un soldiño de 32.662,70 euros brutos ao ano”. O grupo municipal socialista recalca e poñen o foco no “cinismo” de Adriana Álvarez, considerando que as súas críticas “están totalmente fóra de lugar, mais cando fai escasas semanas foi colocada a dedo para cobrar un soldo público”.

“Volve quedar claro quen utiliza partidistamente as institucións públicas nesta provincia de forma intencionada e reiterada”, apuntan dende o PSOE de Vilardevós, antes de finalizar afirmando que este soldo que recibirá a voceira popular “evidencia novamente o uso de recursos públicos na captación de candidatos e candidatas para o beneficio propio do Partido Popular”.