O Espazo +60 Afundación de Ourense abrirá o vindeiro luns a súa tradicional «Tenda solidaria». O obxectivo é recadar fondos para «O Carriño Don Amable» da Asociación contra o Cancro de Ourense, un proxecto do programa de atención ao enfermo e á familia oncolóxica que leva a cabo con persoas voluntarias especializadas na enfermidade nas plantas de oncoloxía do CHOU de Ourense e do Hospital do Barco de Valdeorras.
Os produtos que se poden comprar na tenda solidaria, que estará aberta o 27 e o 28 de novembro en horario de 10.30 a 13.00 h e de 17.00 a 19.30 h, foron elaborados por persoas voluntarias participantes no «Taller solidario» que se promove durante todo o ano no Espazo+60 de Ourense. As persoas socias que participan neste proxecto colaboraron tamén o pasado mes de outubro na iniciativa «almofadas de corazón», promovida polo CHOU en colaboración con Mercería a Moderna e o Espazo+60 Afundación. As voluntarias confeccionaron estas almofadas en forma de corazón, unha iniciativa que naceu en 2001 en Estados Unidos por parte dunha enfermeira que descubriu, na súa propia experiencia como paciente, que este deseño axuda a paliar as dores postoperatorias. Ademais, este agasallo traslada ás pacientes que non están soas e que outras persoas, aínda que non as coñezan, pensan nas súas necesidades.
O obradoiro solidario, promovido polo Espazo+60 de Afundación en Ourense desde 1999 coa participación de persoas socias, desenvólvese agora no marco do programa «O valor da experiencia» da área de Maiores da Obra social de ABANCA, que ten como obxectivo potenciar o papel activo dos maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades interxeracionais e de voluntariado. A actividade ten tamén como finalidade o desenvolvemento de hábitos de reciclaxe e promove a creatividade e a imaxinación á vez que fomenta a solidariedade e a cooperación entre as persoas participantes.