Ourense, 1 de decembro de 2023.- Como cada 1 de decembro, o cemiterio de San Francisco acolleu está mañá a tradicional ofrenda floral en homenaxe ao escritor ourensán Eduardo Blanco-Amor, con motivo do aniversario do seu pasamento, fai hoxe 44 anos. A Deputación de Ourense sumouse a esta conmemoración coa participación do deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, quen destacou na súa intervención a “relación indisoluble entre o autor que inmortalizou Auria e a Deputación de Ourense”.
Esta homenaxe a Blanco-Amor no cemiterio de San Francisco naceu a comezos dos anos 80, a iniciativa de Marcos Valcárcel e outros amigos de Eduardo Blanco-Amor, á que se sumou de inmediato o IES de A Ponte, que nesa época pasaría a chamarse IES Eduardo Blanco Amor a petición da profesora María do Carmo Henríquez Salido.
Cabe recordar que o XLII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor recaeu na xornalista e escritora pontevedresa Sara Vila Alonso pola súa obra “O Incendio”, escollida entre un total de 21 orixinais presentados a esta edición. Organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor coa colaboración da Deputación de Ourense, o premio está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano.