A asociación de medios en galego homenaxea a Valentín Lamas Carvajal no liceo de Ourense

O acto -ao que acudirán o presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices e a tataraneta do homenaxeado- será o luns e lembrarase tamén a Basilio Álvarez, autor dun Manual de Xornalismo a comezos do século XX
FERROL, 15 de decembro de 2023.- A Asociación de Medios en Galego organiza o vindeiro luns 18 unha homenaxe ao escritor Valentín Lamas Carvajal, promotor de “O Tío Marcos da Portela”, primeira publicación escrita integramente en galego e que viu a luz o 7 de febreiro 1876, data na que Amega celebra cada ano o Día dos Medios en Galego. O acto, no que participará o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, terá lugar no Liceo de Ourense a partir das 11 da mañá e contará coa participación do historiador experto en Lamas Carvajal Afonso Vázquez-Monxardín e da tataraneta do homenaxeado. Lamas Carvajal é unha das figuras senlleiras do xornalismo galego. Case cego, a súa obra literaria e periodística demostra un engorme tesón, superación persoal e confianza no labor que desenvolvía. “O Tío Marcos” acadou un gran éxito e a súa tirada chegou aos 4.000 exemplares nun momento histórico no que había importantes índices de analfabetismo. As claves foron a ironía e o humor da publicación
así como a conexión dos temas que trataba coas preocupacións dos labregos. Ademais da homenaxe a Lamas Carvajal, falarase tamén de Basilio Álvarez -sacerdote, xornalista, político e fundador do movemento agrario Acción Gallega- que foi autor dun novidoso Manual de Xornalismo a comezos do século XX. Sobre a figura do coñecido como “abade de Beiro” vén de publicar unha completa biografía o profesor Miguel Cabo.