A Xunta investirá 1,5 millóns de euros na rehabilitación de dous inmobles adquiridos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en Ourense e Ribadavia co obxectivo de destinalos a alugueiro social a través do Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia. A plataforma de contratos publica hoxe a licitación das obras de recuperación desas propiedades, correspondentes ao Programa Rexurbe e que permitirán engadir sete vivendas ao parque público residencial do Executivo galego.
A Xunta tamén licitou hoxe as obras de rehabilitación de 10 vivendas nos concellos de Mondoñedo e Viveiro, que se suman ás 13 vivendas que rehabilitará en Ferrol por importe de 3,3 millóns de euros e cuxas obras foron licitadas o pasado mércores.
Ourense
En Ourense a Xunta destinará preto de 1,05 millóns de euros a rehabilitar o inmoble localizado na praza de Manuel Sueiro 3-esquina Liberdade 28, no casco histórico da cidade, co obxectivo de obter cinco vivendas.
O proxecto prevé que a planta baixa do inmoble, cuxa adquisición supuxo un investimento de máis de 350.000 euros, se destine a portal, cuartos de instalacións e servicios, cinco rochos e un local.
No primeiro e no segundo piso habilitaranse dúas vivendas por planta. En ambos andares unha vivenda será de un dormitorio e a outra de tres. A última planta destinarase a unha vivenda de tres dormitorios que estará adaptada para o seu uso por persoas con mobilidade reducida.
Ribadavia
En Ribadavia rehabilitarase, cun orzamento inicial estimado de preto de 465.000 euros, un inmoble situado a carón da Igrexa de San Xoán para destinalo a dúas vivendas de promoción pública conservando parte da actual estrutura de formigón e demolendo o resto da mesma para liberar a torre da igrexa.
A primeira vivenda, con acceso a través dun patín, desenvólvese entre a planta de acceso e a primeira planta. Na planta de acceso está a cociña comedor, un aseo, o lavadoiro-tendal e o almacenamento xeral mentres que na planta superior estará o salón, dous dormitorios e o cuarto de baño.
No que atinxe á segunda vivenda, aberta cara o patio que se crea para liberar o campanario da igrexa, desenvolverase entre a planta de acceso e a planta semisoto, que se ilumina a través dos dous patios. Ten o acceso a través dunha pasarela dende o nivel da praza, onde se situarán o salón e a cociña-comedor, e na planta inferior haberá dous dormitorios, un lavadoiro-tendal e un cuarto de baño.