A secretaria xeral do PSdeG na cidade recórdalle á popular que as peaxes en Galicia son “obra e gracia do seu partido” e que o único que liberou destas taxas á cidadanía foi o bipartito liderado por Touriño
“Os avances para os petos dos galegos e galegas chegaron da man de Pedro Sánchez dende o goberno de España, así como as melloras das infraestruturas ou os abonos para o tren”, engade
Ourense, 3 de xaneiro de 2024. A secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González Benéitez, recórdalle a Paula Prado que as peaxes en Galicia son “obra e gracia do Partido Popular” e que o único que liberou destas taxas á cidadanía foi o bipartito liderado por Emilio Pérez Touriño.
“Os grandes avances neste senso para os petos dos galegos e galegas chegaron da man de Pedro Sánchez dende o goberno de España, así como as melloras das infraestruturas ou os abonos para o tren”, engade logo das declaración feitas onte durante a visita que realizou á secretaria xeral do PPdeG á cidade.
Así mesmo, pregúntase a tamén portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, se Prado viría a “firmar outro pacto novo con Gonzalo Pérez Jácome, ante a previsible perda da maioría absoluta do PP de Alfonso Rueda, blindándose polo interés do partido pero hipotecando de novo á terceira cidade de Galicia e ao resto da poboación”.
“De paso que veu ata aquí podería terse achegado ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para comprobar a situación crítica na que se atopa a Sanidade pública debido aos últimos 14 anos de recortes e desmantelamento do PP”, advertiu González respecto ao colapso que padece o sistema con listas de agarda cirúrxica superiores á media galega en moitas especialidades, ao derrubamento do teito na unidade de partos e a un persoal sanitario fatigado e sen reforzos.