Máis de medio cento de persoas participamos no último encontro da Rede Rural Galega

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

No pasado sábado, 26 de outubro, algo máis de medio cento de persoas participamos no último encontro da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural en Lodoselo, concello de Sarreaus, baixo o lema “Escoita as pedras… Descobre a Galiza que non se ve”.
A acollida foi nas instalacións da casa reitoral e nalgúns casos para as persoas que viaxaron dende os puntos máis lonxanos, tiveron a posibilidade de hospedarse a noite anterior e a/ou seguinte no albergue do pobo escola. O encontro ofreceu a oportunidade de coñecer que é e como funciona (a través de grupos de traballo) a Rede do Rural, pero tamén escoitamos dúas palestras ben interesantes; a de Serafín González Prieto, “Outra Limia é posible”, e a da actual decana Isabel Mociño González, autóctona de Lodoselo e o seu predecesor X. M. Cid Fernández da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense sobre o significativo compromiso, durante décadas e na actualidade, co desenvolvemento rural e co CDR.
Por suposto, fixemos unha visita guiada por algúns dos lugares “sagrados” do pobo (dos pobos e da vida comunitaria); neste caso gañados para a acción educativa co Pobo Escola de Lodoselo (o sitio do Concello, o forno, o río, as casas da Memoria, a casa da escuela…). Rematamos o paseo no Xardín sensorial e as instalacións do Centro de día e a Casa Niño. Despois do xantar aínda pasamos por onde a xente da vivenda comunitaria (A túa outra casa) onde lle botamos un par de cantares.
Como anécdota complementaria, tras o xantar, acordamos amosar, sacando unha foto baixo un cartel contra os recortes en educación, o noso apoio á manifestación convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que tivo lugar na mañá do mesmo día en Compostela.
Tamén coñecemos de primeira man un bo número de proxectos territoriais da contorna e arredores: CDR Portas Abertas e COCEDER da man de Tamara Balboa, a presidenta da Confederación; Os Tres Reinos, A Mezquita; Lumecú e A Arca da Noe, Vilar de Santos; Terra e Xente, Arredor do Rural…  E rematamos saboreando: os produtos artesanais de sabugueiro cos que Eva e Nelson nos agasallaron e estar, dalgunha maneira presentes aquí; como Fer e Carmen co pan de Faragullas e Sabor de aldea (os chourizos de Aldo), todos eles no Concello de Vilar de Santos. Non podían faltar as nosas patacas guays de Piñeira Seca e, nestas datas, as castañas que asamos.
Agradecemos a todas e todos a boa compaña coa que nos agasallaron neste fin de semana; o entusiasmo, o testemuño, as historias de vida… que exemplifican a educación como compromiso cos territorios, con habitar a realidade.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO