O próximo luns, 8 de xaneiro, cúmprese o 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios (O Porriño, 8 de xaneiro de 1874-El Plantío, 27 de outubro de 1945). Coincidindo con esta efemérides, o Centro de Estudios Chamoso Lamas, en colaboración co Concello do Carballiño, ten programado para ese día ás 20,30 h., na Casa da Cultura, a conferencia “A Veracruz do Carballiño: testamento arquitectónico de Palacios”, que será impartida polo arqueólogo e museólogo carballiñés Felipe-Senén.
O acto enmárcase dentro do programa que elabora o Concello do Carballiño para resaltar este aniversario que diversas institucións e entidades conmemoran co lema: “2024: Ano de Antonio Palacios”. Así, está a piques de finalizar na capital de España a exposición titulada “Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo. Dibujos de arquitecturas externas a Madrid”, elaborada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid e a Fundación Arquitectura COAM coa colaboración do Concello de Madrid. Esta mostra poderá verse tamén na Coruña e Vigo.
Conta cun voluminoso catálogo no que Felipe Senén escribiu un magnífico artículo a propósito da simboloxía e significado da obra palaciana, específicamente, a obra desenvolvida en Galicia, cunha aportación concreta no que respecta ao Templo da Vera Cruz, que o arqueólogo e museólogo carballiñés estudou a fondo, e que está ilustrado con debuxos, planos e fotografías alusivas á construcción do templo, facilitadas polo Arquivo da Parroquia do Carballiño, o Arquivo do Concello do Carballiño e do propio Felipe Senén, entre outros.
Tamén inclúe un documental no que o Templo da Vera Cruz do Carballiño é unha das pezas clave no tocante aos proxectos de índole relixiosa de Palacios.
O programa que ultima a área de Cultura do Concello continuará con máis actos que se anunciarán nos próximos días e nos que colaboran o Centro de Estudios Chamoso Lamas e o Instituto de Estudios Carballiñeses.