Noa Presas encabezará en Ourense a candidatura do BNG ao Parlamento de Galiza

Presas publica nas súas RS un vídeo sinalando que o 18-F “é unha oportunidade histórica” para “que as cousas se fagan mellor” cun goberno do BNG

AVANTAR ACTIVIDADES

O Consello Nacional do BNG ratifica a candidatura por Ourense onde Presas estará acompañada por Iago Tabarés, Sonia Vidal, Secundino Fernández e Helena Añel nos postos de saída

Ourense, 13 de xaneiro de 2024. O Bloque Nacionalista Galego vén de aprobar a candidatura ao Parlamento de Galiza por Ourense coa mirada posta no 18-F e conseguir o Cambio Galego liderado pola súa candidata á presidencia, Ana Pontón. No concreto, a candidatura de Ourense estará encabezada pola xa actual deputada, Noa Presas, avalada polas asembleas comarcais, e estará acompañada por Iago Tabarés –actual parlamentario tamén-, Sonia Vidal, Secundino Fernández e Helena Añel, nos postos de saída.

Presas encabezará a candidatura do BNG

“Son Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense” así remata o vídeo difundido pola xa candidata da organización nacionalista que ve o 18F como “unha oportunidade histórica” de ensinarlle ás galegas e galegos “que as cousas se poden facer doutra maneira. Que se poden facen mellor”.

No vídeo, Presas pon en valor o traballo realizado nestes anos no Parlamento de Galiza e o coñecemento do territorio ourensá, chegando a crear “un vínculo máis forte coa nosa sociedade”. “Coñecer os problemas de hoxe, coidar das persoas que quero e que me rodean, sinalar a inxustizas e defender as causas xustas” enumera a candidata do BNG como as súas prioridades na primeira liña da vida política e entendendo o 18F como unha data chave para o Cambio Galego que leve a Ourense o lugar que se merece.

Candidatura preparada para levar a cabo o Cambio Galego

Ademais da experiencia de Noa Presas, na candidatura seguirana o xa deputado nesta lexislatura, Iago Tabarés, e a portavoz municipal do BNG no Concello de Xunqueira de Ambía, Sonia Vidal. Como número catro estará o antigo alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, seguido da activista sindical no eido educativo, Helena Añel.

Da candidatura tamén formarán parte Marcos Nogueira Rodríguez, Laura Pérez Bernárdez, Suso Vilasánchez Feijoo, Inmaculada González Gómez, Xurxo Rodríguez Méndez, Xaira Pena Estévez, Ramón Seoane Lacayo, Antía Pousa Pérez e Diego Lourenzo Moura. As suplencias estarán compostas por Noelia Currás Rodríguez, Marcos Paz Alonso, Adela Galego Rodríguez, Marcos Blanco Durán e Roberto Quiroga López.

“Sen Ourense non hai País”

Defensora de rematar coa Galiza de dúas velocidades, a cabeza de lista do BNG participará o vindeiro martes dun coloquio en directo –a partir das 20.30h por Twitch- organizado pola plataforma dixital “Orgullo Galego” sobre os retos e dificultades que enfronta Ourense. A candidata estará acompañada por Noemí Vázquez, responsable da Arca da Noe, e Antía Pousa, activista feminista ourensá e cooperativista en Xeracción, que falarán tamén das potencialidades de Ourense.