Femupo remata un ano de intensa actividade pola loita feminista

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Federación pola Igualdade das Mulleres de Pontevedra destaca por iniciativas pioneiras e continuación de proxectos exitosos na loita pola igualdade de xénero

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

·      2023: Un ano marcado por campañas solidarias, apoio psicolóxico a vítimas e actividades de concienciación para erradicar a violencia contra as mulleres

Pontevedra, 15 de xaneiro de 2024

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) pecha un 2023 de loita polos dereitos da muller e contra a violencia de xénero.

Foi un ano de intensa actividade no que se puxeron en marcha varias iniciativas novidosas, ademais de dar continuidade a proxectos desenvolvidos con éxito en anos anteriores.

O ano 2023 viu a renovación do convenio de colaboración coa Xunta no marco do Plan Corresponsables, co obxectivo de promover o acceso ás bolsas de coidado profesional das mulleres maiores de 45 anos

A través desta colaboración, Femupo impulsa a acreditación profesional da experiencia laboral de mulleres rurais no coidado de menores de ata 16 anos, o que contribúe á dignificación do sector dos coidados e á creación de emprego entre un colectivo desfavorecido.

Mulleres que inspiran

A loita feminista de Femupo tamén comprende accións para visibilizar a mulleres referentes que rachan estereotipos. En marzo de 2023, a Federación volveu celebrar unha nova edición dos Premios Mulleres Femupo, para homenaxear a mulleres e entidades destacadas da provincia de Pontevedra.

Nesta edición as galardoadas foron as Cantareiras Madialeva, o Club de Waterpolo de Pontevedra feminino, o Centro de Información á Muller de Mos e Diana Lameiro, fundadora e directora de Lingoreta.

Con esta cita anual, Femupo busca ofrecer inspiración para a loita feminista e apoiar a participación activa das mulleres en todos os ámbitos da sociedade. “Queremos agradecer a todas as mulleres que, día a día, traballan pola igualdade, o respecto e a tolerancia entre homes e mulleres,” declara a presidenta de Femupo, Raquel Touriño Casal.

Educar no respecto dende a infancia

O ano que acaba de rematar tamén trouxo novidades para Femupo. Entre elas, o proxecto “Ciudad Femupo”, un libro para concienciar sobre a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático, ademais de promover valores igualitarios e de inclusión social.

A iniciativa, que foi beneficiaria do Plan Social Ence 2023, está dirixida a un público infantil, xa que, como apunta Raquel Touriño, potenciar nos nenos a importancia de coidar a contorna supón tamén “educar no respecto cara ás persoas, no respecto cara á muller”.

O libro repartiuse entre os centros escolares de infantil e primaria de Marín, Pontevedra e Poio, acompañado da realización de obradoiros nas aulas sobre os valores da igualdade e da inclusión así como a importancia do coidado e protección do medio ambiente.

Femupo contra a violencia de xénero

Un proxecto tamén posto en marcha por Femupo no 2023 foi o lanzamento, no mes de setembro, dunha campaña de pulseiras solidarias para apoiar a mulleres vítimas de violencia de xénero. Así, os beneficios de cada pulseira adquirida destínanse directamente a horas de apoio psicolóxico.

 A campaña, baixo o lema “Xuntos sementamos igualdade e esperanza”, busca o compromiso por unha sociedade máis xusta e igualitaria.

A loita contra a violencia de xénero está presente en cada unha das accións de Femupo. En palabras da súa presidenta Raquel Touriño, “é esencial recoñecer, denunciar e combater esta lacra social”.

Nesta liña, no 2023 a federación continuou a organizar presentacións do libro Ocho señales. Cuestión de vida o muerte, no que a autora Noelia Míguez, xunto coa xornalista Patricia Calveiro, relata a súa experiencia tras sufrir un episodio brutal de violencia de xénero da man da súa ex-parella.

O libro presentouse en novembro no espazo cultural “O Sanatorio” en Pontevedra, co obxectivo de seguir dando voz ás vítimas, contribuíndo así a educar e previr futuros casos.

Femupo continuará no presente 2024 a desenvolver actividades de visibilización, formación e sensibilización, así como accións de empoderamento feminino, para seguir a fomentar a igualdade de xénero e os dereitos das mulleres na provincia de Pontevedra.