Gabriel Alén pon en valor a achega da Xunta de preto de 500.000€ da orde de infraestruturas turísticas a 17 concellos da provincia de Ourense

IES CHAMOSO LAMAS

Esta mañá, acompañado do alcalde, achegouse ao concello de Xunqueira de Espadanedo para  supervisar o remate das obras da ruta interpretativa ‘Porta do Canón do Sil’ e anunciar o comezo das de embelecemento do entorno do Mosteiro  de Santa María

  • O delegado territorial lembrou que a Xunta destina nesta edición un millón de euros a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas
  • O importe máximo de subvención que se abonará a cada concello beneficiario será do 100%, cunha contía máxima de 30.000 euros
  • Esta orde financia tamén a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,  visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Carlos Gómez, o remate das obras da ruta interpretativa “Porta do Canón do Sil”, nas que a Axencia Turismo de Galicia investiu 29.887euros ao abeiro das achegas da orde de Infraestruturas Turísticas de 2021.

HIPER MASIDE

O delegado territorial tamén anunciou o inminente comezo das obras de embelecemento que se desenvolverán no entorno do Mosteiro de Santa Maria de Xunqueira de Espadanedo e nas que a Axencia Turismo de Galicia investirá 30.000 euros ao abeiro da mesma orde na edición de 2022, que na totalidade da provincia de Ourense suman 497.009 euros, repartidos en 17 concellos.

O delegado territorial lembrou que a Xunta destina 1 millón de euros a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas. A orde ten como obxectivo fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos destes municipios para consolidar a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística

Gabriel Alén destacou que estas actuacións son unha mostra máis da aposta transversal da Xunta de Galicia polo turismo, “xa que actuamos en cuestións estratéxicas e de calado e tamén naquelas máis sinxelas, pero que contribúen ao embelecemento e que son moi valoradas polos visitantes”.

Esta orde financia tamén a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional. Ademais, apoia a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna.

O importe máximo de subvención que se abonará a cada concello de ata 10.000 habitantes beneficiario será do 100%, cunha contía máxima de 30.000 euros, no marco do Plan Camiña, orientado á posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística destes municipios con accións de embelecemento, accesos, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros, sendeiros e rutas, espazos de estacionamento de vehículos e incluso a mellora de Bens de Interese Cultural (BIC).

Actuacións executadas na ruta interpretativa “Porta do Canón do Sil”

O obxectivo do ruta interpretativa “Porta do Canón do Sil” foi a de contribuír a regular o ambiente na súa consideración de ben protexido e para elo pon o acento na posta en valor dos patrimonios naturais do concello a través dun ruta interpretativa que busca tanto a

conservación e protección de ditos patrimonios coma que os patrimonios se convertan nun recurso que axude o desenvolvemento sostible do concello.

Deste xeito, procedeuse á colocación de, a lo menos, sesenta sinais indicadores sobre postes de madeira tratada ao longo do percorrido; catro paneis informativos situados no comezo do ruta (Mosteiro de Santa María), no neveiro, nunha zona de bosque representativa e na mina de wolfram.

Tamén se instalaron dúas mesas panorámicas no miradoiro dos Canóns do Sil e no Miradoiro do Val do Medo, nas que se mostra unha foto da paisaxe que se pode ver desde elas facendo referencias á toponimia da zona e ás localidades. Así mesmo creáronse dous miradoiros paisaxísticos, colocados en puntos estratéxicos, con vistas ao val.

Os sinais indicadores, os paneis informativos, os miradoiros e as mesas panorámicas contan co nome do ruta así coma cun código QR que dará acceso aos sendeiristas desde os seus dispositivos móbiles a unha páxina web onde se contará con información, fotografías, mapas, perfís de altitude, tracks descargables para GPS e teléfonos de interese.

Actuacións de embelecemento previstas no entorno do Mosteiro de Santa Maria de Xunqueira de Espadanedo

Para mellorar a calidade deste espazo e as condicións de circulación da Rúa do Barrio, no entorno do Mosteiro, preténdese levar a cabo as actuacións necesarias para acondicionar a pavimentación do vial e as súas beiras, actualmente degradadas e mal resoltas. Mediante esta intervención tamén se ampliará funcionalmente a sección transversal do mesmo, na zona máis estreita en contacto coa ábsida do mosteiro, mellorando a seguridade do tránsito peonil.

Unha das principais actuacións que se realizarán é a resolución das beiras do vial, dando continuidade á beirarrúa existente. Deste xeito resolverase a beira vexetal existente sen tratar, mediante a execución dunha beirarrúa con pavimento de granito, o que mellorará o tránsito por esta zona, en maiores condicións de seguridade. No arranque da beirarrúa, na zona máis ao norte, esta beirarrúa estará sobreelevada con respecto ao vial rodado, en continuidade coa existente. Sen embargo, na zona máis ao sur e próxima ao mosteiro, onde o ancho do vial se reduce considerablemente, esta zona de tránsito peonil resolverase enrasada co resto do vial.

Mediante esta diferenciación de materiais, quedará sinalada a zona destinada á circulación de peóns, sen limitar en exceso a circulación nesta zona. A zona destinada a tráfico rodado, resolverase cunha pavimentación de transición, semellante á intervención que xa se realizara fai anos no vial principal (Av. de Xunqueira de Espadanedo). Executarase un despece da pavimentación empregando unhas faixas de granito, xerando así un ritmo visual, que se complementará cunha plementería de pavimento de formigón, apto para tráfico rodado. Deste xeito, resolverase mediante unha intervención unitaria a pavimentación deste espazo e os encontros co entorno do Mosteiro, mellorando a calidade deste ámbito e poñendo en valor o propio Mosteiro.

Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo

O principal referente arquitectónico, turístico e cultural do Concello atópase no Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, declarado Ben de Interese Cultural. Fundado no ano 1.150 baixo a observancia de Santo Agustín, para posteriormente unirse é Orde do Cister no ano 1.170. De estilo eminentemente románico, consta dunha igrexa de tres corpos, así coma dun claustro de dúas plantas, do cal só se conserva unha parte.

Dada a importancia do mosteiro dentro da estrutura turística e rutas culturais da Ribeira Sacra, xera unha considerable afluencia de visitantes. Ademais, actualmente concéntrase neste inmoble un importante foco dinámico, xa que alí se desenvolven múltiples actividades de lecer, culturais e sociais. Dende a súa rehabilitación emprázanse neste edificio as oficinas da Casa Consistorial, o velorio e a biblioteca municipais, sedes de varias asociacións así coma diversos salóns de usos múltiples.

Recentemente levouse a cabo unha actuación global no Mosteiro por parte de Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para a súa rehabilitación e mellora mediante intervencións puntuais en múltiples zonas do monumento e o seu entorno próximo.