Galicia promocionarase como destino turístico do 24 ao 28 de xaneiro en Madrid na Feira Internacional de Turismo, Fitur, coa aposta por consolidarse como un destino de calidade, sostible e diferenciado.
A Xunta conta nesta edición cunha renovada mostra temática deseñada cun alto grao de orixinalidade arredor dos recursos vinculados á auga en todas as súas vertentes.
Mañá mércores, a Deputación de Ourense abrirá as ponencias co Inorde, destacando á provincia polo seu potencial termal.
O xoves será o Xeodestino Ribeiro-Carballiño que este ano apostarán por destacar o termalismo baixo o lema “O corazón termal de Galicia”. O Carballiño é un fiel expositor nesta feira, e segundo o seu concelleiro de Turismo a promoción neste tipo de eventos foi un dos puntos chave para conseguir a internacionalización da Festa do Pulpo.
Expourense tamén é un fiel expositor nesta feira, presentando os dous salóns recoñecidos de carácter internacional. Por unha banda, Xantar, o salón gastronómico, que se celebrará no mes de novembro e, por outra banda, Termatalia, que este ano volve a celebrarse en Ourense despois da edición en Uruguai.