A formación de Espazo Común solicita participar no debate electoral de RTVE co seguinte comunicado:
“Os debates electorais son unha das mellores fórmulas para que os votantes en calquer proceso poidan coñecer de primeira mán aos candidatos e propostas no confrontamento dos seus programas, ideas e feitos.
En calquer democracia consolidada, estes debates procuran contar cos partidos máis representativos entre a cidadanía tendo en conta o número de apoios nas eleccións máis recentes.
No caso que nos ocupa, non se está cumprindo con esta premisa xa que nas eleccións municipais celebradas hai menos dun ano, os partidos que conformamos esta coalición obtivemos preto de 40 concelleiros en Galicia e presentamos listas nas catro provincias.
Así, namentres que outras forzas que non obtiveron representación ou apenas contan cun concelleiro en toda a comunidade autónoma si son convidadas ao debate, nós somos marxinados sen razón nin explicación lóxica algunha.
Parece que houbera quen ten medo da presenza de Pachi Vázquez nestes encontros televisivos en directo.
Para subsanar esta discriminación, fixemos un escrito dirixido á Xunta Electoral no que puxemos de manifesto este caso e na súa resposta deixa a decisión final en máns das canles que organizan os debates.
Por iso, dende Espazo Común Galeguista vimos de dirixirnos a RTVE para solicitar formalmente a nosa inclusión no debate que terá lugar o día 14 de febreiro nesta canle pública.
Agardamos contar cunha resposta positiva o máis axiña posible para que se manifeste o máximo respecto pola representatividade dos cidadáns e estes poidan valorar tamén as propostas da nosa candidatura”.