Paula Prado asegura que non hai máscara que agoche o radicalismo e a adulación a Pedro Sánchez do multipartito de esquerdas

●       José González cualifica de “fundamental” para o futuro da comarca o proxecto de modernización do regadío da Limia, no que o Goberno galego xa leva investidos 7 millóns de euros para o financiamento de 40 pozos e sistemas de bombeo

AVANTAR ACTIVIDADES

●       Luis Menor destaca que a proposta de converter o Entroido en Patrimonio Inmaterial da Humanidade sería un recoñecemento que servirá para darlle un pulo aínda mellor á súa dimensión turística e económica

8 de febreiro de 2024. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe que non hai máscara que consiga agochar a radicalidade e adulación a Pedro Sánchez que caracterizan ao multipartito de esquerdas fronte á Galicia que funciona que encarna Alfonso Rueda.

Sostén neste sentido que o BNG está a aproveitar a celebración do Entroido para enganar aos galegos disfrazando á súa candidata cunha máscara de moderación tras a que se agocha a súa verdadeira cara: o independentismo e a imposición do modelo monolingüístico nas escolas galegas.

E sobre esta última proposta incluída no programa electoral dos nacionalistas, Prado sostén que non pode estar máis afastada do que sociedade e os tempos demandan: un modelo multilingüe que permita aos estudantes galegos manexarse perfectamente en galego, castelán e inglés cando menos.

Asegurou así mesmo que no PSdeG puxeron o disfrace de defensores dos galegos, cando na realidade son os máximos aduladores de Pedro Sánchez e de todas as súas políticas prexudiciais para Galicia. Algo do que puxo como exemplo a falta de apoio para proxectos industriais como Alcoa ou Stellantis, a ausencia de compromiso para a mellora das comunicacións por estrada ou a chegada do AVE a toda Galicia, ou o desprezo no reparto dos fondos europeos.

Sen esquecerse tampouco de que o propio candidato socialista foi o negociador que concedeu aos independentistas cataláns a condonación de 16.000 millóns da súa débeda, que sae a 400 euros por cabeza de cada galego.

Fronte a isto, Alfonso Rueda representa a Galicia que funciona, que cumpre os seus compromisos e que garante a estabilidade que se necesita na procura do mellor para os galegos e as galegas. De aí que a número dous dos populares galegos insistise no moito que hai en xogo o próximo 18 de febreiro.

Galicia non pode quedar nas mans dun multipartito que bote abaixo o bo traballo feito nestes anos, concluíu pedindo o voto para que a Galicia que funciona siga avanzando na mellora do ensino, cunha sanidade con máis orzamento, máis profesionais e máis equipada; e que aposte pola atención a maiores e mozos.

No acto celebrado en Xinzo de Limia, Paula Prado tivo tamén palabras para expresar o seu apoio e solidariedade cos agricultores e gandeiros que estes días están a manifestarse polas rúas e estradas de toda España para defender o seu futuro e amosar o seu rexeitamento a unhas medidas que poñen en perigo a sustentabilidade económica das súas explotacións,

A este respecto, pediu ao Goberno de España maior implicación na defensa do sector, porque os gandeiros non necesitan chíos nin fotos de ministros, senón menos impostos e deixar de competir coas mans atadas pola normativa imposta pola Unión Europea.

REGADÍO PARA A LIMIA FUNDAMENTAL

Previamente, o candidato número 3 pola provincia de Ourense, José González, cualificou de “fundamental” para o futuro da comarca o proxecto de modernización do regadío da Limia, no que o Goberno galego xa leva investidos 7 millóns de euros para o financiamento de 40 pozos e sistemas de bombeo. Porén, demandou “un esforzo adicional ao Goberno de Pedro Sánchez e que se faga cargo do 80 por cento do IVE da actuación para evitar custos financeiros adicionais aos regantes”.

Así, pediu ao Goberno central o 1,8% dos 2.344 millóns que investirá en toda España no Plan de regadíos, algo que considerou “totalmente asumible”. E lamentou que os socialistas galegos prefiran defender a Sánchez que pelexar polos intereses e o futuro desta comarca.

XESTIÓN CON FEITOS

Pola súa banda, o líder do partido en Ourense, Luis Menor, sinalou que “cando o PP fala de xestión, fala con feitos”. Foi así como se acadou a ampliación do parque empresarial de Xinzo, o compromiso para desenvolver a humanización do casco histórico desta vila a través do Plan Hurbe, a senda peonil xunto ao campo de fútbol da Moreira ou a rehabilitación da casa reitoral de Santa Mariña. Exemplos todos de que “Galicia funciona con Alfonso Rueda”.

Así mesmo, Menor abundou no apoio do Goberno galego ao Entroido: “Só a proposta de convertelo en Patrimonio Inmaterial da Humanidade é mostra da sensibilidade do Goberno de Alfonso Rueda con algo que é tan voso, tan significativo e tan propio desta terra”. Será un recoñecemento que servirá para darlle un pulo aínda maior á súa dimensión turística, con todo o que iso conleva para activar a economía desta terra.