“É preciso reivindicar un proxecto que se entoxa vital para a provincia de Ourense, demandado por ducias de colectivos civís e empresariais, tan necesario para unir a cidade de Ourense co norte de Portugal”, estima Carmen Rodríguez Dacosta.
Para Nacho Gómmez, “o PP na Xunta non ten ambición de país, de tender pontes con Portugal, non quere unir o territorio, non ten esa visión que si temos os que vivimos nos territorios máis esquecidos, para non deixar tiradas ás persoas”.
“A Xunta do PP só aporta solucións miserables, pequenas, que nos abocan á extinción, non contemplando en ningún momento a prolongación da autovía ata Portugal”, denuncia Ramón Alonso, alcalde de Entrimo.
Entrimo, 13 de febreiro de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense esixe a “urxente ampliación” da autovía AG-31 ata a fronteira portuguesa e acusa ao goberno da Xunta de Galicia do PP de “dar as costas ao interior ourensán, do que só se lembra en período electoral, cando multiplica promesas que logo quedan en nada”. “Foi baixo un goberno socialista na Xunta que, en febreiro de 2009, se adxudicou a construción da AG-31 para conectar daquela Rante e Celanova, sempre coa idea de continuar a infraestrutura ata a fronteira portuguesa, quedando o proxecto relegando a un caixón coa chegada ao poder autonómico do PP”, denuncia a cabeza de lista socialista por Ourense ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta. Segundo esta, “é preciso reivindicar un proxecto que se entoxa vital para a provincia de Ourense, demandado por ducias de colectivos civís e empresariais, tan necesario para unir a cidade de Ourense e os seus polígonos industriais e comerciais co norte de Portugal, apoiando ao noso tecido produtivo, pero tamén vertebrando a provincia e mellorando as comunicacións para loitar contra o despoboamento das comarcas de Celanova e a Baixa Limia”.
Desde a súa apertura, en 2013, o eixo viario ten visto incrementado nun 40% o tráfico de vehículos, sendo dun 74% o incremento no caso dos vehículos pesados. A AG-31 supuxo un evidente progreso para a comarca de Celanova, achegando a vila á capital provincial, ofrecendo a posibilidade de residir aquí, mesmo se o posto de traballo se atopa en San Cibrao, A Valenzá ou Ourense. “As posibilidades de crecemento económico e poboacional son claras, afectando a toda a Baixa Limia se media unha aposta decidida do goberno da Xunta pola continuidade da autovía cara Portugal”, estima Rodríguez Dacosta. Porén, os plans da Xunta de Galicia do PP para a zona, anunciados pola Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pasan pola implementación dun proxecto de mellora do trazado da OU-540 desde Celanova ata Lindoso. “O da OU-540 é coma o turrón de Nadal, un proxecto que presentan de xeito recorrente, limitándose a mellorar intereseccións e a por rotondas, cando o que realmente precisamos é unha vía de alta capacidade capaz de achegar os núcleos importantes do norte de Portugal coa cidade de Ourense”, sostén Ramón Alonso, alcalde socialista de Entrimo.
Electoralismo e desleixo do PP
“O investimento previsto no proxecto do PP é a metade do contemplado no seu momento polo goberno bipartito encabezado por Emilio Pérez Touriño entre 2005 e 2009, o que da conta da pouca importancia que os Feijoo e Rueda de turno acordan ao interior da provincia de Ourense e ao seu futuro”, precisa Rodríguez Dacosta. O proxecto non aborda a prolongación da AG-31, un eixo chave nas comunicacións entre Ourense e Porto, a vía máis directa e natural que implicaría acceder a máis de tres millóns de potenciais visitantes e clientes para a provincia. Precisamente, o anuncio do proxecto de mellora da OU-540 motivou unha campaña cidadá que uniu a representantes políticos, axentes sociais e empresariais da provincia para “esixir” a continuidade da AG-31 ata Portugal, referendada polas autoridades locais lusas, para quen, trala chegada do AVE a Ourense, a mellora deste eixo tense convertido nunha prioridade. “O PP na Xunta non ten ambición de país, de tender pontes con Portugal, non quere unir o territorio, non ten esa visión na cabeza, que si temos os que vivimos nos territorios máis esquecidos, para non deixar tiradas ás persoas”, sostén Nacho Gómez, número 2 da lista socialista ao Parlamento de Galicia.
“As e os socialistas levamos moito tempo reclamando a ampliación da AG-31 ata a fronteira portuguesa, tanto no Parlamento de Galicia como na Deputación de Ourense, así coma en todos e cada un dos concellos das comarcas de Celanova e a Baixa Limia. Pero agora a mellor reclamación que podemos facer é a de introducir a papeleta do PSdeG-PSOE na urna o vindeiro 18 de febreiro, porque só un goberno con José Ramón Gómez Besteiro á fronte pode facer deste proxecto unha realidade e acabar cos anuncios electoralistas aos que nos ten acostumado o PP, que nunca chegan a nada”, afirma Gómez. “Malia o atraso ou inexistencia de medidas capaces de mellorar as malas condicións de vida das veciñas e veciños da Baixa Limia, onde carecemos de case todo, non temos un só metro cadrado de chan empresarial ou é patente o desleixo da reserva da biosfera transfrointeiriza Gerês-Xurés, a Xunta volve a responder cunha solución miserable, pequena, que nos aboca á extinción, non contemplando en ningún momento a prolongación da autovía ata Portugal. Todo un exemplo do que representou para a Baixa Limia o goberno do PP na Xunta de Galicia estes últimos 15 anos!”, conclúe Alonso, alcalde de Entrimo.