Este pasado martes 27 de febreiro foron solicitados para colaborar na extinción dun lume no templo budista de San Amaro ao que acudiron cun vehículo tipo nodriza con numerosas deficiencias.
As traballadoras e traballadores do servizo denunciaban hai unhas semanas as carencias do Servizo e a falta de atención do Concello pero a día de hoxe non se solucionou nada e non teñen noticias do goberno municipal
O Carballiño, 27 de febreiro de 2024
Unha vez máis o Servizo municipal de emerxencias do Carballiño é reclamado para saír do seu ámbito municipal e colaborar, neste caso, na extinción dun lume que afectou pasadas as catro da tarde ao Templo budista de San Amaro. A petición foi feita polos bombeiros do Consorcio provincial de Ourense a través da central de emerxencias do 112 na Estrada.
Dous bombeiros deste servizo desprazáronse ata o lugar para abastecer de auga aos intervintes xa que as lapas se propagaron con rapidez debido aos materiais da construcción, fundamentalmente madeira. O vehículo desprazado foi unha bomba tipo nodriza de 8000 litros de auga pero que adoece de deficiencias, coma o resto do parque móbil.
Os traballadores, que fai unhas semanas denunciaban as carencias do Servizo e a pasividade do goberno municipal, recordan que “a día de hoxe non temos constancia algunha de que se convocara unha mesa de negociación, nin tan sequera se produciron conversas”, como afirma Jonathan Domínguez, voceiro dos membros do Servizo e recalca que “tampouco se produciron avances nin se solventaron as deficiencias, seguimos igual”.

O vehículo desprazado carece de mantemento axeitado e por iso entra auga dentro da cabina supoñendo un perigo que deixaría o vehículo inutilizado se afecta aos sistemas eléctricos; a bomba de auga perde e non funciona correctamente e o máis importante o nivel do tanque non funciona sendo imposible coñecer a cantidade de auga restante. Para Domínguez “estase poñendo en serio risco a vida dos intervintes xa que descoñecendo a cantidade de auga nunha intervención, non se pode facer unha xestión da mesma e isto pode desembocar nunha situación de perigo no interior dun incendio”. Ademais este camión contaba con dous equipos de respiración que foron retirados o pasado ano por estar obsoletos e ser un risco para a saúde dos bombeiros, pero como recorda o voceiro “non foron sustituídos”.
Estas eivas únense as xa denunciadas sobre traxes caducados, rotos e obsoletos ou cascos de intervención e outros materiais. Ademais, Jonathan Domínguez recórdalle ao goberno municipal que “unha vez máis o Carballiño so conta co Servizo municipal operativo, xa que desde as catro da tarde e ata ben entrada a noite os bombeiros do Consorcio provincial se atopaban neste incendio” o que demostra a súa imperante necesidade e permanencia e sobre todo que “sexa equipado e tratado coa dignidade que esta profesión merece”.