“As Viñas Fest” contará coa Panorama en San Cibrao das Viñas o 20 de abril

  • Trátase da primeira edición desta iniciativa gratuíta organizada polo Concello de San Cibrao para tódolos públicos que contará coa presenza de “Uxía Lambona e a Banda Molona” dirixida aos máis pequenos, a Panorama e pechará o festival o macro disco móbil Gramola.
  • “En San Cibrao das Viñas seguimos incrementando as actividades de ocio e cultura dirixidas á xuventude e nas que podan desfrutar tamén as familias con nenos pequenos”, destaca a alcaldesa, Marta Nóvoa, durante a presentación desta iniciativa.

San Cibrao das Viñas, venres 22 de marzo de 2024

Esta mañá o Concello de San Cibrao das Viñas presentou a primeira edición do “As Viñas Fest”, un festival gratuito dirixido a tódolos públicos que se celebrará o vindeiro 20 de abril e contará coa Panorama como cabeza de cartel.

AVANTAR ACTIVIDADES

Trátase da primeira edición desta iniciativa que contará cunha sesión de tarde na que actuará “Uxía Lambona e a Banda Molona” a partir das 17.30h no recinto xunto ás piscinas de Ponte Noalla no que ademáis os máis pequenos e as familias poderán desfrutar de inchables e un espazo de relax con mesas.

A sesión de noite comezará ás 22.00h no novo acceso ó Polígono e estará protagonizada polo espectáculo de Panorama ata á 1.00h e pechará o festival a macro disco móbil A Gramola ata ás 4.00h.

“En San Cibrao das Viñas seguimos incrementando as actividades de ocio e cultura dirixidas á xuventude e que o mesmo tempo podan pasalo ben as familias con peques e veciños de tódalas idades”, destaca a alcaldesa, Marta Nóvoa, durante a presentación deste festival dirixido a tódolos públicos.

“Este macroevento é unha aposta polo pobo e polos veciños, coa promoción da cultura e o ocio, para o que disporemos dun dos maiores espazos habilitados expresamente para este festival que será un referente a nivel provincial e de calado autonómico, contando cos referentes da verbena a día de hoxe”, sinala Novoa. Actualmente existen buses de chegada dende Ourense ata as 22.30h, son as liñas 14 e 33, e facilitaranse liñas de bus para a volta ao finalizar o festival. Ademáis haberá buses de ida e volta para a zona de Piñeiral, San Cibrao, Soutopenedo e Rante a partir das 21.00h. Do mesmo xeito, habilitaráse unha ampla zona de aparcamento e as correspondentes medidas de seguridade coa máxima atención dos profesionais competente.