“Ourense volve a ter a dubidosa honra de ser a única gran cidade de Galicia que non conta cuns orzamentos aprobados”, María Fernández Ojea

“Ourense volve a ter a dubidosa honra de ser a única gran cidade de Galicia que non conta cuns orzamentos aprobados” o que supón, entre outras cousas, que a Administración pública local non poida facer máis que “parcheos” e que o Concello de Ourense estea a incumplir “prácticamente todas as obrigas legais que ten”, segundo explicou a edil do PSdeG, en rolda de prensa, María Fernández Ojea.

“En marzo hai numerosas magnitudes económicas que deben ser comunicadas a diferentes organismos como a Xunta de Galicia ou o Ministerio de Facenda. O día un do mes pasado tiñan que ter xa aprobada a liquidación de orzamento e están a facer incorporacións de remanente de Tesouraría con informes desfavorables”, engadiu sobre a caótica situación actual. E lamentou que o acontecido no 2023 vaia a repetirse, previsiblemente, este ano: “Chegara o mes de agosto ou setembro e se iniciará ese bucle infinito de modificacións de crédito por parte do goberno local”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nesta liña, incidiu en que as contas públicas amosan un déficit no que se perciben máis gastos que ingresos -que se confirmará cando saia a liquidación- e moitas partidas sen executar da área de Benestar Social, en detrimento doutras como Perímetro Rural “na que hai un exceso do 500%”, advertiu a socialista. “Ourense está paralizado, como amosa o capítulo de personal ou o último orzamento aprobado no ano 2020 que nin sequera é deste goberno, senón do PP, o que fai que Democracia Orensana non execute aquelas partidas que considera que non deberían existir”, afirmou taxante.

Todo isto inflúe tamén nas contratacións e no pago a provedores, cuxo periodo medio triplica o máximo legal -sen ter en conta todas as facturas que aínda están sen tramitar e rondan os 15 millóns de euros-. “A xente non cobra e as licitacións públicas de obras maiores que se levan a cabo son pouquísimas porque, se non cobran, o lóxico é que as empresas non queiran presentarse a ditas licitacións. Se lle sumamos todas as concesións en precario, podemos afirmar que o Concello de Ourense non está a prestar de xeito correcto ningún servizo”, criticou ante os medios de comunicación.

“Se non presta servizos, se non paga aos provedores, se non contrata correctamente, se non hai un orzamento que posibilite unha planificación a medio plazo, se preguntamos cal é o custe das festas e responden que eles non teñen nada que ver coas festas tampouco… A que se dedica o goberno de Gonzalo Pérez Jácome?”, cuestionou retóricamente.

Dende o grupo municipal socialista reclamaron ao alcalde e ao seu equipo de executivo que se poñan a traballar e planifiquen as liñas a seguir para responder ás necesidades da cidadanía. “Poñémonos a disposición dos grupos da oposición para loitar contra a desidia na que está sumida Ourense e non continuar, día a día e mes a mes, sumando novos problemas en todos os eidos de actuación municipal”, afirmaron.

Preguntada polos xornalistas sobre se a precaria, delicada e irregular situación da Administración local pode influir en que a Xunta de Galicia inclúa á cidade no programa de Xantar na Casa -logo de deixar caer o goberno de Jácome o servizo de Comedor sobre Rodas– a edil recordou que as administracións públicas piden solvencia económica para asinar acordos e axudas. “Un dos requisitos que se esixe a nivel autonómico é ter presentada a conta xeral do exercicio anterior e teño seria dúbidas de que se rendise porque preguntamos en múltiples ocasións nas Xuntas de Área e non temos novas ao respecto. E tamén esixen que non teñas débedas coa Seguridade Social ou Facenda, cousa que tamén descoñecemos. Cando unha parte funciona mal é inevitable que afecte a todo o demais”, contestou.

Rematou Fernández Ojea insistindo na importancia de que o alcalde deixe de denostar aos empregados e empregadas, que intentan fiscalizar adecuada e legalmente a actividade do Concello de Ourense, buscando excusas para a súa inacción. “Pedimos que establezan xa un plan de pago a proveedores para poder liberar as facturas, tantos as que teñen nos caixóns como as que están sen tramitar e pagar, para reducir toda esa débeda e a das concesións en precario que supoñen uns 20 millóns de euros”, expuxo.