O grupo socialista reivindica e reclama o apoio da Deputación para que a Xunta sufrague os conservatorios profesionais da provincia

As e os socialistas lembran que, malia que se trata dunha competencia da Consellería de Educación, están a soportar íntegramente os concellos do Barco, O Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia

Elvira Lama fai fincapé no “agravio comparativo” que existe con respecto ao conservatorio da capital, cuxa financiación si é completamente asumida pola Xunta de Galicia

AVANTAR ACTIVIDADES

Mentres a Consellería non asuma integramente os custos dos conservatorios, os socialistas aspiran a que a Deputación consolide, e mesmo aumente, a súa axuda aos municipios concernidos

Ourense, 19 de abril de 2024. O grupo provincial socialista demandará que a Deputación de Ourense requira que a Xunta de Galicia asuma a financiación completa dos cinco conservatorios de grao profesional que hai na provincia, que son os de O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. “Hai anos que o noso grupo provincial demanda nos plenos da Deputación que sexa a Consellería de Educación, que ten a competencia na materia no territorio galego, quen se faga cargo do custo total da prestación deste servizo”, explica a deputada socialista Elvira Lama. Segundo esta, “é de xustiza que, independentemente do seu lugar de residencia, todas as nenas e nenos da nosa provincia teñan exactamente as mesmas oportunidades que os da capital para formarse musicalmente, de aí que os concellos, malia que se trate dunha competencia impropia, se vexan empuxados a sumir a financiación destes conservatorios, o cal supón unha enorme carga para as arcas municipais”.

Desde O Carballiño, onde os socialistas presentaron a moción, Lama fixo fincapé “no agravio comparativo que existe entre os conservatorios profesionais e o de Ourense capital, que si é completamente sufragado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia”. O grupo provincial socialista xa presentou en decembro de 2019 unha proposta un financiamento dos conservatorios entre Xunta, Deputación e concellos. “Pero daquel acordo, que contou co voto favorable de PP e DO, nada máis se soubo”, laméntase a deputada socialista. “Namentres, os concellos seguen a soportar os elevados gastos destes centros de ensino, no que supón unha clara discriminación entre a capital e municipios con moita menor capacidade económica”, sostén Lama. Unha carga económica para os municipios, considerando a propia Fegamp a importancia de garantir a continuidade destes centros que, situados nas cabeceiras de comarca e diante da carencia de prazas suficientes, logran cubrir case que toda a demanda formativa.

A iniciativa do grupo socialista, na modificación de crédito que a Deputación de Ourense aprobará no vindeiro pleno contémplase unha partida específica de 200.000 euros a repartir entre os cinco conservatorios profesionais da provincia. No particular caso do Carballiño, onde os socialistas presentaron a súa moción, o custo do conservatorio para o Concello ascende a uns 400.000 euros anuais, que ten que asumir con recursos propios. Deste xeito, a aportación da Deputación dista de cubrir os gastos reais dunhas instalacións que contan cun importante volume de profesorado, amais dos custes en bens, subministracións e instrumentos necesarios para cumprir coas necesidades do curso e co imperativos da lexislación. “Un paso que é de agradecer, pero que é insuficiente para cubrir os custos reais destes conservatorios”, declara Lama, quen avanza que, mentres a Consellería de Educación non asuma integramente a financiación, seguirán a traballar para que a axuda da Deputación se consolide e mesmo se incremente de xeito gradual.

En Galicia son máis de 30 os centros que imparten esta formación musical regrada, dos que tan só nove están sufragados pola administración autonómica. Os conservatorios profesionais de musica que están nas cabeceiras de comarca, e que son financiados exclusivamente por cada un dos concellos nos que se sitúa o centro, tamén reciben alumnas e alumnos das súas respectivas áreas de influencia. “No particular caso do Carballiño, até aquí chegan alumnas e alumnos de toda a comarca, pero tamén da propia cidade de Ourense e mesmo de áreas próximas das provincias de Pontevedra e de Lugo”, apunta Diego Fernández, deputado provincial socialista e concelleiro de cultura na Vila do Orcellón. Para Fernández, “temos que acabar coa discriminación actual para que non haxa concellos de primeira e de segunda, e que a Xunta se faga cargo dos conservatorios, avanzando cara un modelo onde os municipios non teñamos que asumir competencias impropias e podamos reforzar aqueles servizos que si son entran dentro das nosas competencias”.