As e os socialistas do concello de Ourense sinalan que o despido das e dos traballadores do programa post-covid suporá unha grave merma na atención a persoas dependentes e en risco de exclusión

As nosas advertencias do que ía acontecer foron unha constante, tanto nas Xuntas de Área como nos plenos, así como tamén da falta de empatía e capacidade de xestión do rexedor”, argumenta a edil do PSdeG María Fernández

Por desgraza isto só é un paso máis no seu proceso de desmantelamento velado dos servizos sociais en Ourense, cuxa próxima estación pretende ser o Servizo de Axuda no Fogar. Non debemos permitilo. Nin nós nin a propia cidadanía”, engadiu

As previsións das que o grupo municipal socialista viña advertindo hai meses cumpríronse: as empregadas e empregados do programa post-covid que chegaron para reforzar a atención que dos servizos socias se prestaba aos ourensáns e ourensás rematarán o seu contrato sen alternativa ningunha. “Cando se trata dos e das que máis o precisan o executivo de Jácome nunca conta cun plan B como levamos meses comprobando”, sinalan ante o remate, este venres, dos contratos das últimas persoas que en 2021 comezaron a traballar no Concello de Ourense.

“As nosas advertencias do que ía acontecer foron unha constante, tanto nas Xuntas de Área como nos plenos, así como tamén da falta de empatía e capacidade de xestión do rexedor e o seu goberno na área social, desgrazadamente non nos sorprende”, argumenta a edil do PSdeG María Fernández.

Neste senso, lamentan que non se priorice por riba de todo ofrecer axuda á cidadanía en situación de vulnerabilidade ou dependencia e que o déficit de persoal se faga tan “evidente nunha concellería esencial para as persoas con maiores necesidades”, recordou a socialista. “E por desgraza isto só é un paso máis no seu proceso de desmantelamento velado dos servizos sociais na cidade, cuxa próxima estación pretende ser o Servizo de Axuda no Fogar. Non debemos permitilo. Nin nós nin a propia cidadanía”, engadiu.

Así as cousas, a edil exhortou ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e á nova responsable desta carteira, Tamara Silva, a tomar medidas e dotar de persoal cualificado dita Concellería. “O cal é dende logo moito máis importante e urxente que encher as festas patronais e dos barrios de orquestras”, rematou.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------