As e os socialistas denuncian a “inacción” do goberno municipal e da Xunta de Galicia ante estas “graves” acusacións e amosan a súa “sorpresa” porque ningunha das dúas administracións se teña pronunciado ata o momento
Germán García-Ávila subliña que “vemos un preocupante silencio e unha inacción total ante estas graves acusacións, o que está xerando unha fonda preocupación entre a veciñanza”
O PSOE vianés propón que a concesionaria da auga faga unha análise “exhaustiva” da mesma para contrastar co informe presentado ante fiscalía e que se traballe para realizar a captación antes dos regatos que baixan a mina para solucionar dita problemática e que Penouta poida recuperar a súa actividade
O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo amosa a súa “triste” sorpresa e “fonda” preocupación ante as informacións aparecidas sobre a denuncia de Ecoloxistas en Acción ante a fiscalía contra a empresa propietaria da mina de Penouta, aducindo que a actividade da explotación causa vertidos distes metais nas augas dos ríos e nas de consumo domiciliario. As e os socialistas denuncian a “inacción” do goberno municipal e da Xunta de Galicia ante estas “graves” acusacións e amosan a súa “sorpresa” porque ningunha das dúas administracións se teña pronunciado ata o momento.
Ecoloxistas en Acción presentou xa en febreiro unha denuncia pública de que a auga para o consumo doméstico en Viana presentaba diferentes metais pesados, pero nesta nova denuncian ante a fiscalía, achegaron unha análise dun laboratorio homologado que contrasta esta problemática. Ante a “extrema gravidade” da situación o grupo municipal socialista vén de presentar propostas que axuden a reverter a situación, “co ánimo de que a mina de Penouta poida retomar a súa actividade e disipar definitivamente o temor e as dúbidas que poidan espertar entre a veciñanza o consumo de auga nos seus municipios”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, subliña que “vemos un preocupante silencio e unha inacción total ante estas graves acusacións, o que está xerando unha fonda preocupación entre a veciñanza”. O edil socialista afirma que a veciñanza “pregúntase que hai de verdade nestas denuncias e teñen o temor de que a auga coa que cociñan e que beben poida ocasionar un grave problema de saúde”. Neste senso apunta que “é lóxico que se estenda este temor ante a calada por resposta da Xunta e do concello ante estas graves acusacións”.
O PSOE vianés propón que o concello encargue a empresa concesionaria da xestión da auga, unha análise de metais pesados, que permita coñecer o estado da auga para o consumo e poder contrastar co análise presentado por Ecoloxistas en Acción. As e os socialistas tamén propoñen que se estude a posibilidade de que “a auga para consumo doméstico se tome antes da desembocadura dos regatos que baixan a Penouta”.
“Con esta toma de auga conectada directamente ao río Bibei, mediante o procedemento de bombeo, evitaríase calquera contacto coas augas que poidan ter relación coa actividade de explotación da mina e evitar dúbidas e denuncias como as que nos ocupan”, explica García-Ávila Arias. O edil socialista sinala que esta solución “debe ir acompañada dalgún elemento de enerxía renovable para abaratar custes” e destaca que “unha vez se retome a actividade na mina, esta asuma os costes da enerxía consumida, as reparacións ou a instalación do bombeo”. Considera que esta solución “axudará a eliminar unha das acusacións que serven para ter paralizada a actividade na mina, evitar futuras problemáticas e levar a tranquilidade á veciñanza”.
Os e as socialistas consideran “viable” dita proposta e consideran que “é o momento de traballar para buscar solucións e non estar calados e inactivos como están facendo o concello e a Xunta ante estas graves acusacións”. Tamén subliñan que “temos que xuntar forzas para tratar de eliminar tódolos obstáculos para que a mina retome a súa actividade e garantir o benestar e a saúde da veciñanza”. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo tende a man ao grupo de goberno para traballar conxuntamente na procura de solucións.